'Como sentes o que eu vexo?', unha exposición para amosar a creatividade do alumnado universitario sénior
Por Redacción & Mónica Patxot
A Casa das Campás de Pontevedra acolle desde este mércores 10 de xullo ata o 2 de agosto a mostra ‘Como sentes o que eu vexo?’, unha exposición que reúne os proxectos fotográficos do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo.
Esta exposición é o resultado dos traballos realizados por 36 estudantes maiores de 55 anos deste programa formativo do campus pontevedrés dentro das materias 'Fotografía con smartphone I e II'.
O profesor do PUM Luis Pereira trasladou ao alumnado destas materias o reto de "non facer simplemente fotografías, senón xerar imaxes que amosasen sentimentos e historias de vida" e, como resultado, realizaron estes traballos. "Estimulounos a mirar, a experimentar, a xogar coa fotografía", explicou unha das alumnas participantes..
A mostra inaugurouse este mércores e a profesora Ana Acuña, coordinadora do PUM no campus, explicou ao alumnado alí presente que esta exposición "busca dalgunha maneira recordar que existides e que sodes creadores e creadoras".
A exposición está conformada por 53 fotografías e series e recolle múltiples intereses e temáticas, con imaxes que van das paisaxes naturais e urbanas á propostas que experimentan coa luz.
A mostra complétase cun libro artesanal con fotografías de árbores realizado pola alumna Nita Rivas e coa proxección en vídeo doutras 28 fotografías que se exhiben en formato dixital por falta de espazo.
Tamén se poden ver na Casa das Campás unha serie de vídeos de actividades do PUM realizados cun dron por parte dun dos estudantes e outra serie de imaxes e información que afondan na traxectoria e obxectivos deste programa.
Esta serve para "poñerlle o ramo" a un curso no que o PUM contou en Pontevedra con 113 alumnos e alumnas e para poñer o foco na "creatividade".
Este programa mantén aberto ata o 15 de xullo o seu prazo de preinscrición, tanto para o ciclo intensivo como para o integrado.