A seguir mercando libros! O hábito de lectura continúa crecendo
Por Redacción
A oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra xa comezou e prolongarase ata a noite do domingo con actividades para todos os públicos e a participación de trece librarías da cidade con venda de exemplares aos que se aplica un 10% de desconto.
A organización conta para estes tres días con máis dun centenar de autoras e autores que participan nesta Festa dos Libros. "Hai quen xa reservan para poder estar en Pontevedra", sinala Luz Pérez, quen lembra que se convida a escritores e escritoras de toda Galicia, de fóra de Galicia e que teñan novidades literarias no último ano.
Así, nos espazos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Erebor Cómics, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Paz y Seijas, ademais dos libros, tamén os seus creadores dedicarán tempo a asinar os seus títulos ao público.
Desde 2020 co obrigado confinamento produciuse un repunte do hábito da lectura que continúa en progresión "xerando grandes lectores", así o confirma Susi Álvarez de Espazo Nobel. Engade que a novela negra segue sendo o xénero máis vendido no último ano. Agora, en tempada estival "arrincamos cos libros de peto porque a xente busca formatos cómodos de levar e a novela romática porque se buscan contidos máis lixeiros. Para o público infantil tamén nestes meses búscanse libros con actividades", explica.
O sector igualmente comproba que os adultos están a mercar libros para o público de menos idade. "Creo que o da hora do conto que fan nas escolas infantís está a propiciar que os máis chiquititos sentan atraídos polos libros e é unha satisfacción ver como desde tan pequenos xa se afeccionan á lectura e toman ese hábito", explica Mariña Couto de Avións de Papel.
Aínda que a narrativa segue dominando o sector, o ensaio, a poesía e o cómic teñen o seu público e así o confirma Cintia Menéndez da Libraría Paz, "agora hai moito cómic para todas as idades e públicos e crecen a súa vendas": O que si adoece é que a lectura en galego "segue custando e mesmo creo que está a pasar por un momento baixo".
Esta iniciativa, que organiza o Concello de Pontevedra, estivo entre as candidaturas neste 2024 aos premios Follas Novas na súa categoría de promoción da lectura. Estes premios corresponden á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías de Galicia.
Relacionadas:
-
Ledicia Costas presenta a súa última obra na xornada final dunha exitosa edición da Festa dos Libros
Por Redacción |
-
Un centenar de autores asistirán á oitava edición dunha Festa dos Libros cargada de actividades
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- Non defraudamos, despois de escoitar este podcast dirás que hai que reivindicar e visibilizar os irmáns Nodal
Por Marisa Ciordia |
-
"El baile de las mareas", o debut literario de Laura Portas: "Sendo de Cambados tiña claro que tiña que haber mar, pazos e viño"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra opta aos premios Follas Novas pola Festa dos Libros
Por Redacción |
-
RADIO.- 'Iceberg', quizá non sexa como ti pensas
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Un libro para borrar distancias entre 'neurotípicos' e 'neurodiversos'
Por Redacción |