Óscar Ibáñez súmase ao cartel das Festas da Peregrina o 16 de agosto para celebrar os seus 20 anos de carreira
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O cartel das Festas da Peregrina 2024 suma unha nova confirmación. O Concello de Pontevedra anunciou este luns que Óscar Ibáñez actuará na praza de España o 16 de agosto.
Non será un concerto calquera, senón que se subirá ao escenario no ano no que celebra dúas décadas de traxectoria artística coa súa banda de directo Tribo.
Para celebrar estes 20 anos, Ibáñez presenta o seu novo espectáculo Tribal XX, no que combina novas creacións con algúns dos temas máis destacados dos seus traballos discográficos nunha viaxe sonora chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, no que predomina a sonoridade celta.
Para o concerto en Pontevedra preparou unha posta en escena especial de gran formato na que á súa banda habitual sumaranse destacados artistas "amigos" cos que traballou nos últimos anos: Coral De Ruada de Ourense; Daniel Pereira Cristo, voz e cavaquinho; Montse Ogando, voz; Emilio Rúa, voz e guitarra; A.F. Celme, danza tradicional; Cabezudos Os Viqueiras, danza tradicional; Eva Faraldo, danza; Rebeca Santos, danza acrobática.
De Ibáñez destacou o Concello de Pontevedra este luns que é "é un gaiteiro e frautista fascinante, que realiza unha fusión musical sen límites, partindo das raíces tradicionais, a medio camiño entre investigación e creación, obtendo como resultado un novo e único son".
A súa banda de directo Óscar Ibáñez & Tribo está formada por músicos de longa e recoñecida traxectoria: Suso Iglesias (Xabier Díaz, Nova Galega de Danza), acordeón; Paula Gómez (Triguiñuelas), violín; Xosé Liz (Riobó, Anxo Lorenzo), bouzouki; Paco Dicenta (Mercedes Peón), baixo; e Leandro Deltell (Budiño), batería e percusión; Teresa Gómez (Son de Seu), zanfona; Carla Villanueva, xilófono; e 6 gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son.
Relacionadas:
-
A música urbana tamén soará nas Festas da Peregrina co rapeiro Delaossa
Por Alejandro Espiño |
-
Mondra tamén estará nas Festas da Peregrina: actuará en Pontevedra o 16 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Fillas de Cassandra volverán a Pontevedra o 17 de agosto como parte das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
Pimpinela salda a súa débeda con Pontevedra e actuará o 18 de agosto nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
O pop de Nil Moliner soará en Pontevedra durante as Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |