Xa se pode visitar a exposición "Obra incompleta" de Fernanda Fernández
Por Redacción
Xa se pode visitar no Palacete das Mendoza a exposición "Obra incompleta" de Fernanda Fernández.
A Deputación de Pontevedra inaugurou este venres a mostra na que a pintora viguesa nada en Bos Aires ensina unha selección das súas pinturas nas que xoga, a través do realismo, coas cores, as perspectivas e as tonalidades, achegando ao espectador o detalle dun modo diferente.
As obras poderán verse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o próximo 30 de xuño de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
Nos óleos, Fernanda Fernández reflicte unha temática variada onde destacan as paisaxes, o mar, as escenas urbanas e o mundo natural. Para retratalos busca a perfección, captando co pincel non só o que o ollo ve, e a luz dos seus cadros fala da limpeza do aire do bosque, da densidade do aire industrial ou do sal do mar.
A autora, nacida en Bos Aires en 1965, iniciouse no debuxo de pequena na Escola de Artes e Oficios de Vigo, antes de mudarse a Madrid, onde compatibiliza os seus estudos de Ciencias Políticas e Socioloxía na Universidade Complutense coa súa paixón pola pintura. Despois de perfeccionar a súa técnica no estudo de Enrique Sobisch, a súa personalidade artística decantouse definitivamente. En 1990 instálase en Vigo e a súa actividade pictórica non cesa, expoñendo con gran éxito en distintas cidades e galerías.