![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/0f1/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/665768104b-chaparro-castigo.jpg)
© PontevedraViva - Hugo G Pecellín
RADIO.- Unha mestra do thriller engade o seu quinto título ás librerías
![Marisa](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/a3e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577155e6db-5735c17382-20160513-patxot-marisa-ciordia-203-ok-pontevedraviva.jpg)
Por Marisa Ciordia
Na súa primeira novela, 'No soy un monstruo', Carme Chaparro conseguía cortar a respiración dos lectores ao poñerlles fronte á infancia como vítimas do seu relato. Volve facelo en 'Castigo' evidenciando as súas virtudes como autora de novela negra.
Falamos no podcast 'Cara a cara' coa popular xornalista. Fai case exáctamente un ano conversabamos con ela con motivo da publicación de 'Delito', o thriller anterior co que deu vida ao forense Santiago Munárriz, ás xornalistas Berta Gigliani e Iluminada Mellado e ao hacker Chiqui. Os catro incorpóranse agora a 'Castigo' coas súas novas circunstancias persoais e profesionais. Con eles Nines, unha muller que no día do seu aniversario esperta e agarda a reiterada cerimonia do seu fillo Jaime para felicitala. Con todo, o que atopará é a orella do neno dentro dun paquete de agasallo.
Paralelamente a esta intriga principal, Chaparro introduce debates como a maternidade, a muller e os cargos profesionais de responsabilidade, o tratamento da crónica de sucesos nos medios de comunicación e concretamente na televisión, o sufrimento infantil, as mulleres descarriadas, ou a intelixencia artificial. Xornalista e escritora da man para non deixar escapar a atención dos seus lectores nin unha soa páxina. Adictiva unha vez máis e xa van cinco.
Na anterior ocasión que contamos coa autora apuntaba que a promoción de 'Delito' coincidíralle cunha mudanza e esta vez, tamén se está adaptando a outro cambio. Mudou de horarios e empezado a presentar o informativo matinal de Telecinco. O podcast completo está dispoñible para escoita e descarga na web de PontevedraViva Radio e tamén se reproduce desde a ligazón que se adxunta.