Cando a pintura se prega e se expande máis aló do lenzo
Por Redacción
O claustro do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle ata o próximo 21 de xullo a mostra titulada Pregar a pintura, que xunta a obra de doce artistas formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que están conectados por un concepto común.
Todos eles teñen desenvolvido obras nas que a pintura se expande máis aló das dúas dimensións do lenzo, "reformulando o concepto do cadro como xanela, para incorporar linguaxes máis relacionadas coas existencia humana e fuxir da bidimensionalidade inexistente na natureza".
Así o destaca o seu comisario, o investigador Carlos Fer, que engade que a exposición reúne as creacións de doce representantes dunha xeración de artistas "marcada polo dixital", pero que crean unha arte "prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano virtual".
A mostra, como recolle o seu texto de presentación, "escenifica unha realidade da pintura cada vez máis presente", a presenza de pregues ou dobreces que se converten nun elemento pictórico e compositivo que fai que o cadro deixe de ser unha "superficie bidimensional".
Esta idea faise patente en propostas que transforman fisicamente a propia estrutura do cadro, como as do estudante de doutoramento Alberto Ardid ou o Bastidor roto do alumno de grao Manuel Balsas.
Do mesmo xeito, esta reformulación da idea da pintura define creacións como as da investigadora Tatiana Lameiro, que "xoga coa matriz e o desfeito na gráfica", ou Sabela Condesa, quen "deixa secar a pintura para xogar con ela", converténdoa nun material tridimensional.
Outros proxectos propoñen reinterpretacións das cartografías e da superficie do territorio, como o cúmulo de fragmentos de papel pintado de Julio Catalán, quen presenta unha serie de "mapas pintados que posteriormente rompen en pequenas illas".
A idea do territorio define tamén pezas como a da estudante Isis Huerga, que "explora a memoria e a identidade a través dos mapas", ou a de Ruth Vidal, que emprega unha pintura serigráfica de relevo, convertida nun material tridimensional ao aplicarlle calor.
A graduada Sol Mussa, pola súa banda, expón "un globo terráqueo pregado para caber nunha bolsa de viaxe coas medidas permitidas" polas compañías aéreas de baixo custo.
Por outra banda, o traballo con tecidos conecta as creacións das estudantes Cristina Souto e Goa Vázquez, quen presenta unha peza nacida dunha investigación relacionada coa arte ecolóxica.
A mostra complétase coa obra de Andrea Otero, que achega unha "composición caótica de recortes irregulares de camisetas e pantalóns" e da alumna de doutoramento Sara Piñeiro, "unha gran pel que recobre un bastidor invisible”, nunha pintura “feita de centos doutras imaxes".
Relacionadas:
-
O talento audiovisual dos estudantes de Belas Artes triunfa na Mostra de Cinema Periférico
Por Redacción |
-
As obras de 13 estudantes e graduados rememoran o fogar en Belas Artes
Por Redacción |
-
'Do final e do comezo’ reune as indagacións sobre as súas orixes de 27 artistas formadas na facultade de Belas Artes
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |