'O mar que nos leva', de Moncha Fuentes, próxima cita no Salinas Club de Lectura
Por Redacción
O Salinas Club de Lectura está en marcha, despois de celebrar o primeiro encontro coa escritora Lola Fernández Pazos, autora de 'El Pazo de Lourizán' e madriña deste proxecto.
A este encontro asistían César Poza, alcalde de Vilaboa; Pilar Rodríguez de Dios, presidenta do Salinas Club de Lectura; Conchita Pérez Núñez, directora do CRA de Vilaboa e persoas afeccionadas á lectura.
A próxima cita está prevista o martes 21 de maio ás 20.00 horas na BiblioCRA de Vilaboa. Nesa sesión analizarase a obra 'O mar que nos leva', da escritora Moncha Fuentes.
O Club naceu para acoller a autores e autoras galegas, que escriban tanto en lingua galega como en castelán. Actualmente está integrado por 22 persoas e conta cunha axenda de encontros culturais ata o mes de decembro deste 2024.
A intención é fomentar a lectura e a escritura entre a poboación de Vilaboa, creando un circuíto que permita coñecer os creadores literarios en persoa ao mesmo tempo que se promociona a obra.
O alcalde César Poza mostrouse moi satisfeito coa celebración da primeira xornada pola participación alcanzada en "un foro de reflexión e de ideas".