A danza contemporánea pide paso en Domingos do Principal co espectáculo "Jardín en el aire"
Por Redacción
A danza pide paso en Domingos do Principal. Do mesmo xeito que nas últimas edicións, o ciclo de teatro infantil que impulsa o Concello de Pontevedra reserva una das súas datas para outras modalidades de artes escénicas, neste caso, a danza contemporánea. ÿ o que ofrece o espectáculo Jardín en el aire, interpretado pola compañía Da.Te Danza. Ofrecerase este domingo 23 de febreiro en dobre sesión, ás 12.00 e ás 18.30 horas.
Jardín en el aire, un espectáculo que ten unha duración aproximada de 50 minutos e está recomendado para nenos a partir de cinco anos, mostra o que pasaría se unha onda xigante nos afastase do que era a nosa vida ata hoxe. Dous personaxes arrastrados por unha catástrofe natural chegan a un lugar estraño no que todo é novo e un ser que habita alí téndelles a man.
Con esta montaxe Da.Te Danza presenta unha historia de amizade, de crecemento e superación dentro dun xardín descoñecido. Nel, segundo a compañía, "plantaremos o vello para que naza a felicidade de descubrir o novo". Neste xardín non hai que pretender nada, só falar co silencio e bucear nas profundidades ocultas ata que se pasa o medo. Unha vez dentro deste lugar, hai que sobrevivir e mellor será facelo xuntos.
As entradas, que teñen un prezo de catro euros, están á venda de forma anticipada en www.servinova.com. En caso de non esgotarse poderanse adquirir dúas horas antes de cada función na billeteira do Teatro Principal.