RADIO.- A poesía urbana de Defreds xa ten un novo 'Amanecer'
Por Marisa Ciordia
Defreds, o alter ego do vigués Jose Ángel Gómez Iglesias suma outro título á súa longa lista de libros de prosas poéticas, como o definiron, e volvemos charlar con el no podcast 'Cara a cara'.
Primeiro foi 'Casi sin querer' e seguiu 'Cuando abras el paracaídas', continuando con '1775 calles', 'Historias de un naúfrago hipocondríaco', 'Con un cassette y un boli bic', 'Sempiterno', 'Recordar contraseña', 'Incondicional', 'Ya no quedan ciudades', 'Ojalá', 'Siempre' e agora 'Amanecer'.
Na contraportada define 'Amanecer', "é ter un novo comezo. Cada día supón unha nova oportunidade". E foi tamén un momento de revisión: "pasaron xa moitos libros e si, quizá isto é unha nova etapa, un novo comezo", di.
Por ese motivo, engade, "foi un libro máis traballado, con máis detalles, con máis temas por tocar. Estou moi contento con el".
As súas redes sociais, onde se deu a coñecer, son un devocionario á súa bibliografía e as súas novidades: "Grazas por ser sempre tan amable e regalarnos estas palabras". "Que nunca se perda o costume de completar a colección de Defreds". "Moitas grazas pola túa atención e amabilidade. Foi un pracer compartir contigo uns minutos do teu tempo". "Oxalá nunca falten as túas letras". "Grazas Defreds por seguir estando na miña vida". "Acábame de chegar o novo libro do gran Defreds, por fin nas miñas mans". "Xa o teño! Únese á colección. Vémonos en Sant Jordi para que mo asines, xa é unha bonita tradición". "Necesito un libro de Defreds. Outra vez". "O mellor do día: Defreds". "A familia xa está completa: Amencer".
Se 'Ojalá' e 'Siempre' son dous títulos que teñen que ir xuntos, 'Amanecer e 'Sempiterno', do 2018, son o anverso e o reverso dunha mesma moeda. As súas portadas xa o evidencian coas ilustracións de Naranjalidad. Abrindo a portada, estas poesías urbanas, como tamén as definiron, acollen uns cuantos homenaxes: unha vez máis a Vigo, a Pedro e o significado que este ten, aos seus avós ou á súa filla Valentina a quen dedica un conto.
Un conto con intrahistoria que explica neste podcast que se pode escoitar desde a ligazón adxunta e tamén está dispoñible para descarga e escoita desde a web de PontevedraViva Radio.