Retallos de mundo: Triana, a alma verdadeira de Sevilla
Por Xesús Constela
Sempre pensei que só unha cidade tan fermosa e con tanta personalidade como Sevilla podía dar orixe a persoeiros como os irmáns Antonio e Manuel Machado, tan grandes calquera deles, ou como Gustavo Adolfo Bécquer, Vicente Aleixandre e Luís Cernuda, que fixeron tan boas achegas ao mundo da literatura, algo que tamén aconteceu no caso da pintura, con fascinantes pintores do talle de Diego Velázquez ou Bartolomé Murillo, ademais dunha longa serie de artistas sobranceiros de todos os ámbitos da cultura, e simplemente por ese motivo converteuse para min nun deses lugares que sempre paga a pena visitar.
Non sabería dicir cal de todas as xoias que contén prefiro porque, a dicir verdade, coido que non estaría ben decidirme por ningunha, xa que me sinto tan atraído pola súa impoñente catedral, a de maior superficie do mundo, disque, coa súa Giralda e o seu Patio de los Naranjos, como polo Arquivo Xeral de Indias, creado por Carlos III na antiga Lonxa de Mercadores para acoller toda a documentación referente ás colonias españolas de ultramar, ou o máis que maxestoso recinto dos Reais Alcázares, cuxos edificios fusionan elementos musulmáns, góticos, renacentistas, barrocos e románticos nunha perfecta harmonía, ou o que foi a Real Fábrica de Tabacos, escenario da novela Carmen de Prosper Mérimée, transformada logo en ópera por Georges Bizet, ou a fermosa Praza de España, construída para a Exposición Universal de 1929 dentro do extenso e tan relaxante Parque de María Luísa.
Case calquera recuncho de Sevilla, envolto ao longo dos meses de primavera no engaiolante arrecendo das flores dos milleiros de laranxeiras que inzan as súas rúas e prazas, constitúe para min un lugar único, pero debo recoñecer que, por riba de todos os encantos dunha cidade que certamente namora, sempre tiven un grande interese por descubrir de primeira man os motivos que levan a todos os sevillanos a dicir que o barrio de Triana, que abofé que desprende unha singularidade difícil de explicar, é o lugar onde se pode descubrir a verdadeira alma, a esencia, do que significa Sevilla.
De acudirmos á mitoloxía, sempre tan literaria, Triana foi fundada por Astarté, a deusa fenicia do amor e os praceres carnais, que polo visto correu a se refuxiar na beira occidental do río Guadalquivir, que daquela se chamaba Betis, cando tivo que fuxir dos acosos amorosos que sufría por parte de Hércules, fundador da cidade de Hispalis, a actual Sevilla, o que resulta unha historia verdadeiramente atractiva, pero se acudimos a fontes históricas descubriremos que as verdadeiras orixes do barrio datan dos tempos dos romanos, que decidiron instalar as súas lexións fóra da cidade que acababan de fundar e por iso levantaron un campamento na beira oposta do río, á que só se podía chegar en barco, e aínda había de pasar unha boa chea de tempo para que alá polo século XII o califa almohade Abu Yacub Yusuf ordenase a construción dunha primeira pasarela que consistía nunha ringleira de barcas amarradas entre si mediante cadeas sobre as que se apoiarían unhas enormes táboas de madeira que permitirían cruzar o que eles coñecían como Wad al-Kabir, ou Río Grande, de onde procede o seu nome actual, Guadalquivir, e, por incríbel que poida parecer, ese tan rudimentario sistema para pasar o río seguiu en funcionamento logo da conquista cristiá da cidade no século XIII até nada menos que o ano 1852, en que se inaugurou a actual ponte de Isabel II, máis coñecida coma Ponte de Triana, deseñada a imaxe e semellanza da Ponte do Carrusel de París polos enxeñeiros franceses Ferdinand Bernadet e Gustave Steinacher.
Nesta procura das orixes do barrio tamén descubrín que a etimoloxía do seu nome ofrece unha gran variedade de teorías que parecen deseñadas para contentar a todo o mundo. Se botamos man da interpretación que máis gusta ás Hermandades, esas confrarías católicas de tan fonda raizame tanto en Triana coma no resto de Sevilla, o nome procedería dun misal hispalense do século XIII, que nalgunha páxina contén a frase "Tris Anne plene gracie nobis", na que a palabra tris sería a abreviatura de matris, nai, o que significaría que Triana foi a evolución de Nai Ana, a santa patroa do barrio, pero tamén hai unha hipótese que di que Triana vén de tri-anna, que significaría tres ríos na lingua dos celtiberos, e que se chamaría así porque o Guadalquivir se dividía antigamente en tres brazos que formaban un enorme delta dende Sevilla até a súa desembocadura, e aínda hai outra teoría que fala da posibilidade de que o nome derive de trans-amnen, máis aló do río, que sería como denominaban o lugar os habitantes de Hispalis, a Sevilla dos tempos dos romanos. Pero, por se fosen poucas, aínda hai unha cuarta hipótese que relaciona o nome cunha vila fundada polo emperador Traxano que sería coñecida máis tarde polos árabes como Atrayana o Athriana. Hai teorías para todos os gustos.
Sexa como sexa, independentemente das orixes do seu nome, o devir histórico de Sevilla sempre deixou unha fonda pegada no barrio de Triana, porque dende o momento mesmo da súa fundación foi o lugar onde se viron obrigados a vivir todos aqueles que, polo motivo que fose, non eran considerados dignos de vivir na cidade, como aconteceu, por exemplo, no século XV, coa chegada á Península Ibérica dos primeiros xitanos, que tiveron que instalar os seus campamentos na outra beira do río Guadalquivir, un lugar do que nunca renegaron e ao que impregnaron do seu carácter, os seus costumes e a súa cultura, e por iso o barrio de Triana, co paso do tempo, acabou convertido no berce dunha enorme cantidade de cantaores e bailaores de flamenco, ese xénero que tanto gustou sempre aos xitanos e está considerado unha das esencias de Andalucía.
O mellor xeito de entrar en Triana é a través da súa ponte máis famosa, a de Isabel II, que ofrece unha magnífica perspectiva da rúa máis frecuentada, e tamén máis animada do barrio, a Calle Betis, que, coas súas casas de fachadas de cores, se estende ao longo da beira do Guadalquivir, separada da auga por un impoñente muro pintado de branco e amarelo dende o que se ten unha vista privilexiada de Sevilla e na que se celebra cada mes de xullo a Velá de Santa Ana, a festa máis antiga da cidade, que data do século XIII, cando, de novo de acordo coa lenda, o rei Afonso X, logo de se curar dunha enfermidade dos ollos que fixo que se encomendase á Virxe, decidiu que en agradecemento lle construiría un templo, a actual Igrexa de Santa Ana, considerada a catedral do barrio polos trianeros. Sexa verdade ou non o que di a lenda, o que si é certo é que foi o primeiro templo construído en Sevilla logo da Reconquista.
Da outra beira da ponte, á que se accede pola Plaza del Altozano, da que antigamente partían os barcos que comunicaban o barrio co resto da cidade, está a diminuta Capillita del Carmen, que ten detrás os restos do que, sen dúbida, foi o edificio máis sinistro da historia de Sevilla, o Castillo de San Jorge, onde estivo o Tribunal da Inquisición entre os séculos XVII e XIX, cando foi demolido para construír o mercado de abastos sobre as súas ruínas. O acceso dos prisioneiros ao castelo efectuábase a través do Callejón de la Inquisición, un pasadizo que me fixo evocar o tremendo sufrimento que debían de sentir as persoas que o cruzaban, acusadas de herexía, porque a que facían era unha viaxe sen retorno cara a un pesadelo de torturas que na meirande parte dos casos remataba coa morte.
Dende logo aí non ía atopar nada da alma de Triana, polo que dei a volta e me dediquei a camiñar sen rumbo polas súas rúas e prazas, nas que, ademais de casas con fermosos patios cheos de macetas de flores, descubrín un barrio no que sempre se pode atopar a alguén que estea disposto a comentar con orgullo as máis famosas efemérides que tiveron lugar nas súas rúas, como na Casa de las Columnas, que era o lugar onde se formaban os mariñeiros que habían de cruzar o océano Atlántico nas primeiras expedicións, entre os que destaca, como non, o famoso Rodrigo de Triana, o primeiro europeo que viu as costas de América, ou o feito de que o único avión a reacción de patente española, que se chamou La Saeta, se fabricase no ano 1955 na factoría Hispano Aviación, cuxa fachada aínda se conserva na Calle de San Jacinto, ou que o barrio, de solos arxilosos, tivese unha longa tradición ceramista que deu lugar aos afamados azulexos de Triana, como ben se pode comprobar no Centro Cerámico que hai na antiga Fábrica de Cerámicas de Santa Ana.
Para abandonar o barrio o mellor é coller rumbo á Ponte de San Telmo, porque ofrece unhas impresionantes vistas da Torre del Oro erguida fronte a Triana. O símbolo da inmensa riqueza procedente das chamadas Indias Occidentais chantado cara a cara fronte ao lugar onde vivían os habitantes máis pobres da cidade.
Será por culpa dese antigo desequilibrio polo que os trianeros, cando se desprazan ao centro da cidade, din que van a Sevilla, coma se fosen a un lugar que nada ten que ver con eles? Será nese orgullo de barrio, nesa fachenda de se sentir diferente, no que reside a verdadeira alma de Triana?
Non sei explicalo moi ben, pero podo asegurar que cando se percorre esta beira occidental do río Guadalquivir un pode chegar a sentir o significado diso que dan en chamar o xenio, ou a arte, ou a alma verdadeira de Sevilla.
© Xesús Constela, 2024
Relacionadas:
-
Retallos de mundo: Stromboli, o Faro do Mediterráneo
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Kanchanaburi, Erawan e a ponte sobre o río Kwai
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Berlín, a longa cicatriz do muro
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Cobá, Tulum e Chichén Itzá
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Huế, Vietnam, a cidade nas beiras do río Perfume
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Mainz (Maguncia), a cidade onde naceu a imprenta
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Malaca, o pavo real das cidades de Malaisia
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Nantes, tras da pegada de Jules Verne
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Cataratas do río Niágara, Canadá
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Marrakech, a perla vermella de Marrocos
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: O arquipélago de Malta, no corazón do Mediterráneo
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: El Hierro, a illa de alma tranquila
Por Xesús Constela |
-
Retallos de mundo: Greenwich, Londres
Por Xesús Constela |