Retallos de mundo: Stromboli, o Faro do Mediterráneo

Poio
07 de julio 2024

Coincidindo coa decisión adoptada en Italia de activar a alerta vermella pola erupución do volcán Stromboli nas últimas horas, o escritor Xesús Constela fai un repaso á súa visita a esta illa unha das Eolias, o arquipélago volcánico situado ao norte de Sicilia  isla es una de las islas Eolias, un archipiélago volcánico al norte de Sicilia

Súbida cara ao cráter
Súbida cara ao cráter /

No mar Tirreno, que baña a beira oeste da Península Itálica, a arredor de trinta e oito quilómetros do porto de Milazzo, na costa norte de Sicilia, hai sete pequenas illas de orixe volcánica, Lipari, Vulcano, Salina, Stromboli, Alicudi, Filicudi e Panarea, que forman o arquipélago das Eolias, bautizadas así en honra do deus grego Eolo, a quen Zeus concedera o poder de domar os ventos e disque vivía nunha delas, en Lipari, para ser máis exactos, e tiña a facultade de poder predicir o tempo mediante a atenta observación das formas que ían tomando as mestas nubes de fume que saían a través do cráter dun volcán que se erguía maxestoso e impoñente en medio e medio do mar e estaba sempre tan activo que cada certo tempo cuspía gases e lava incandescente.

As Eolias emerxeron das augas hai cousa duns setecentos milleiros de anos por mor das erupcións dunha cadea de volcáns submarinos e, aínda que son moi similares entre si, presentan algúns aspectos que lles outorgan a cada unha delas unha certa singularidade. Lipari, a máis grande, ten unha vila moi fermosa e moi animada. Panarea, unha das menores, goza do encanto do salvaxe. Vulcano, onde a lenda di que tivo a súa fragua o deus do lume, está chea de fumarolas e mananciais de augas termais. A verde e frondosa Salina é famosa polos seus viñedos e por unha lagoa de augas salobres á que debe o seu nome. Alicudi e Filicudi, as máis occidentais, acollen varios cráteres de volcáns extintos e exuberantes espazos submarinos, mentres que Stromboli é a máis cativadora de todas por posuír unha característica que atrae vulcanólogos de todo o mundo para estudar un fenómeno ao que a illa deu o seu nome, un tipo de erupción volcánica que se denomina estromboliana, consistente na presenza de persistentes explosións que expulsan ao ar diferentes cantidades de gases e de lava en intervalos regulares.

O volcán Stromboli, co seu enorme cono erguido a novecentos corenta e dous metros de altura sobre o nivel do mar, é un dos máis activos da Terra por mor das súas erupcións continuas dende hai máis de dous mil anos, e por causa dos intensos brillos producidos na escuridade da noite polas columnas de lava incandescente que cuspe case cada quince minutos e poden acadar os douscentos metros de altura, os romanos decidiron poñerlle o sobrenome de "Faro do Mediterráneo" ao comprobaren que resultaba ser unha ferramenta perfecta para a orientación das súas embarcacións nas singraduras nocturnas.

A primeira vez que souben da súa existencia foi nunha das miñas lecturas xuvenís, a fascinante novela Viaxe ao centro da Terra de Jules Verne, na que o profesor Otto Lindenbrok emprende nun monte de Islandia unha expedición co obxectivo de chegar ao núcleo do noso planeta, e no camiño de regreso, despois dunha serie de trepidantes aventuras, el e mais os seus dous acompañantes son expelidos ao exterior dende as entrañas da Terra a través do Stromboli, cuxa permanente actividade describen desta maneira: "Por riba das nosas cabezas (…) abríase o cráter dun volcán polo que escapaba, cada cuarto de hora, cunha forte detonación, unha alta columna de chamas, mesturadas con pedra pómez, cinza e lava."

A miña viaxe a Stromboli comezou no porto siciliano de Milazzo, cando subín a bordo dun modernísimo aliscafo, un barco que se comporta como calquera outro cando vai a pouca velocidade pero a medida que a aumenta xera unha forza que o levanta do mar para poder avanzar aínda máis rápido, e grazas a iso, pouco despois dunha hora e media de traxecto e tras dúas ou tres paradas noutras illas, por fin puiden ver como o maxestoso cono do volcán que ía visitar emerxía fachendoso en medio das augas do mar Tirreno coroado por unhas nubes que axiña comprendín que se formaban polo propios gases que cuspía sen cesar.

Logo dunha rápida parada na aldea de Ginostra, de apenas corenta habitantes, na costa suroeste da illa na que non baixou ninguén porque se fixo simplemente para deixar provisións, cando o aliscafo por fin atracou no porto de Scari, que está na costa do nordés, logo de baixarmos os pasaxeiros, a tripulación descargou unha gran cantidade de mercadorías para as escasas catrocentas persoas que viven nas dúas vilas construídas ao pé do volcán, San Bartolo e San Vicenzo, que non cheguei a saber diferenciar nos tres días que pasei na illa porque non vin que houbese límites entre elas.

Aluguei un cuarto preto da céntrica igrexa de San Vicenzo Ferrari, que está aberta durante as vinte e catro horas do día porque é un dos puntos de encontro para unha posíbel evacuación en caso de que nalgún momento ao volcán lle dea por enfadarse de máis, e logo fun dar un agradábel paseo por uns calexos ás veces moi empinados entre fermosas casiñas brancas polos que os únicos vehículos que circulan son unhas poucas motocicletas e bicicletas e algún que outro motocarro, así que non me levou nada de tempo decatarme de que a vida na illa vai ao seu propio ritmo e os seus habitantes viven sumidos nunha calma que non se ve alterada nin sequera pola presenza de innumerábeis sinais que por todas partes explican os protocolos a seguir en caso de erupción, maremoto, terremoto ou tsunami. Alguén explicoume despois que, polo visto, os tremores de terra, eu non vivín ningún durante a miña estancia, son tan frecuentes que a poboación non lles concede nin a máis mínima importancia, e que a xente tenlle máis medo ao que poida vir dende o mar, como aconteceu no ano 2004, cando uns imprevisíbeis corrementos de terra submarinos provocaron unha onda xigante que causou numerosos danos nas casas máis próximas á costa.

Pero de ningunha maneira me gustaría que ninguén puidese quedar coa idea de que en Stromboli hai que estar en todo momento alerta perante o que poida acontecer. Nada máis afastado da realidade. A poboación está tan afeita ao que significa vivir ao pé dun volcán que ás veces parece completamente allea á súa existencia e leva unha vida tan tranquila que converte a súa illa no sitio perfecto para relaxarse e gozar dunhas marabillosas praias de area negra, Ficogrande, Piscita, della Forgia Vecchia ou Punta Lena entre outras, nas que é unha gozada bañarse porque a dous pasos da beiramar o calado é impresionante. Non esquezamos que a illa é un enorme cono volcánico que baixa case en picado cara ao fondo mariño até chegar á súa base a máis dun quilómetro por debaixo da superficie das augas.

Pero debo recoñecer que o máis interesante da miña visita a Stromboli aconteceu nas dúas noites que pasei na illa, que me axudaron a comprender os motivos que levaron aos romanos e considerala o Faro do Mediterráneo.

A subida ao cumio do cráter está permitida só previa inscrición nunha ruta organizada por algunha das axencias locais que se dedican a facelas en pequenos grupos de persoas ás que proveen de todo o necesario, bastóns, cascos, lanternas, máscaras, para unhas duras camiñadas de máis de catro horas de pronunciado ascenso por un terreo moi escarpado cheo de escouras volcánicas que por momentos fan que sexa moi difícil avanzar e comezan moi cedo pola tarde para chegar ao cumio á hora do solpor con intención de poder gozar da maxia da lava incandescente unha vez que cae a noite.

O cráter, que está nun lugar coñecido como Sopra la Fossa, semella un funil inmenso no que se pode ver o magma ardente en medio de constantes fumarolas e vapores de xofre, e cada certo tempo escóitase un sonoro ruxido que precede a unhas enormes explosións de lava que se poden ver ao abeiro duns refuxios de formigón e producen un espectáculo único e inesquecíbel que fai pensar que pagou a pena o tremendo esforzo do ascenso.

Á noite seguinte, como quería ser testemuña das erupcións volcánicas dende a perspectiva do mar, decidín coller un barco que me levou a un punto dende o que hai unhas extraordinarias vistas dunha zona do cono que se coñece como la Sciara del Fuoco, a senda de lume, unha empinada depresión xerada hai arredor de trece mil anos por mor de varios colapsos na cara noroeste da illa pola que logo de cada erupción a lava ardente descende ao mar dende o cumio do cráter até desaparecer por baixo da superficie da auga nun espectáculo digno de ver porque resulta grandioso e me fixo pensar que os seres humanos estamos moi indefensos perante as forzas dunha natureza que pode facernos desaparecer á mínima que se enfade.

Na tarde seguinte, pouco antes da miña partida de regreso a Milazzo, e logo dun marabilloso día nas areas negras da fermosa cala de Grotta d’Eolo, procurei un lugar no que poder deleitarme coa paisaxe do mar e encontreino nun recuncho da costa que ofrece unhas magníficas vistas dun illote coñecido como Strombolicchio, para algúns a oitava das illas Eolias, que para os habitantes de Stromboli é o tapón do cráter do seu volcán arrebolado ao mar logo da súa primeira erupción, pero en realidade é o escarpado cono de basalto dun volcán extinguido hai uns douscentos mil anos que carece completamente de vexetación e que, ademais de servir de fogar a centos de gaivotas, acolle un faro ao que se accede logo de subir por unha escaleira de douscentos chanzos.

Cando abandonei a illa camiño de Milazzo, mentres contemplaba por unha xanela do aliscafo a silueta do volcán, que me agasallara con momentos e experiencias difíciles de esquecer, veume á mente a película Stromboli, Terra di Dio, de Roberto Rossellini, protagonizada por Ingrid Bergman e rodada na illa no ano 1950, que por baixo do seu argumento, a dura vida dunha unha muller lituana que vai vivir a Stromboli porque para poder saír dun campo de refuxiados tras da Segunda Guerra Mundial decide casar cun mariñeiro local, amosa unha evacuación real da illa por mor dunha forte erupción do volcán que poñía en serio perigo a vida dos seus habitantes e acabei pensando que non sei eu se sería quen de vivir tranquilo estando sempre baixo a ameaza dun enfurecemento das forzas da terra que pode acontecer en calquera momento.

© Xesús Constela, 2024