RADIO.- E sete anos despois, Guadi Galego regresa ao Principal de Pontevedra
Por Marisa Ciordia
A finais de 2023 anunciábase a volta aos escenarios de Guadi Galego cun espectáculo pensado soamente para o directo. Tres datas para 'Síntese Horizonte'. En Santiago e Ferrol esgotou entradas. Para este sábado 13 de abril no Principal de Pontevedra tamén se esgotaron no mes de xaneiro. Regresa Guadi a este Teatro despois de sete anos desde a súa última actuación.
Falamos con ela no podcast 'Cara a cara' deste regreso aos escenarios e pon o acento no poder da música en vivo: "é un percorrido vital por miles de emocións que pasan na vida da xente e son reais. Isto é un espectáculo de vida e queremos que a xente entre nesa emoción. A primeira parte é un tanto desconcertante pero tamén a parte final é moi esperanzadora", explica.
Nesta etapa móstrase unha muller que foi aprendendo a desaprender do establecido: "son unha artista que vén da música popular, que é moi identitaria e creo que sigo séndoo, pero que me fun desvinculado dos sons aos que se me vinculaba e fun facendo o que me deu a gana. Mesmo cando funcionaba, buscaba outro distinto que me movese. Entón fun así, desaprendiendo o que tiña para seguir aprendendo e buscando outros camiños. Así sigo, agora nun espectáculo moi electrónico e xa estou no camiño de volver ao acústico no seguinte que faga."
Avánzanos que é probable que 'Síntese Horizonte' teña polo menos outra data máis e tamén fala da súa presenza en festivais para este 2024, como será por exemplo o PortAmérica. "Levabamos moito tempo sen tocar e creo que vai ser un verán bonito, imos compartir moito coa xente e imos a por todas, porque saímos con moita enerxía ao escenario e con ganas de vivilo".
O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e igualmente está dispoñible desde a web de PontevedraViva Radio para descargar e escoitar este e o resto de programas.