Alfonso Sola, creador polifacético, convértese no Artista Marinense do 2024
Por Redacción
María Ramallo, alcaldesa de Marín, comunicaba este martes que Alfonso Sola é o Artista Marinense do Ano 2024.
"Non só é marinense o que nace en Marín, senón tamén todos aqueles que viviron ou traballaron moito pola cultura do noso pobo", manifestou a rexedora durante o anuncio.
O artista, nacido en Ourense, expoñerá traballos nunha panorámica da súa traxectoria a partir do venres 5 de abril no Museo Municipal Manuel Torres. A mostra inaugurarase ás 20.15 horas.
Sola convértese no noveno artista que recibe este galardón. Nos últimos anos recollían o premio Rosa Crespo (2020), Xaquín Soneira (2022) e Belén Diz Juncal (2023).
Alfonso Sola traballou como mestre de Filosofía no IES Illa de Tambo, entre 1984 e 2006. Exerceu cargos de director, xefe de estudos e secretario. Nesa etapa asentouse en Marín, casou e formou unha familia.
A través do Ateneo Santa Cecilia converteuse nun colaborador esencial no ámbito cultural. Tiña un programa de radio na emisora do Ateneo onde ofrecía un programa semanal co seu alumnado. Tamén foi concelleiro durante un mandato.
Artisticamente caracterízase pola modernidade e pola súa procura constante de novas formas de trasladar as súas propostas á pintura. Estudou Belas Artes na facultade de Pontevedra desde 2012 ata 2019. Ademais realizou mostras e curtametraxes, interesado tamén na arte audiovisual.
Coa exposición tamén se publicará un catálogo no que se repasa a súa obra creativa.