A Casa Museo de Valle Inclán no Cuadrante de Vilanova reabrirá en abril
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7e2/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6601be18bf-267089470_2428896627241046_5715835326560211589_n.jpg)
© Concello de Vilanova de Arousa
O goberno local de Vilanova de Arousa espera que na primeira quincena de abril xa estea reaberta e plenamente operativa a Casa do Cuadrante, vivenda natal do dramaturgo Valle Inclán.
Gonzalo Durán, alcalde do municipio, visitaba nas últimas horas as instalacións onde se acometen labores de limpeza e a instalación de luces exteriores ao edificio.
As obras contaron cun orzamento que ascendía a 523.000 euros, financiados con fondos Next Generation, nun plan de investimento para Bens de Interese Cultural (BIC) vinculados ao Camiño de Santiago por parte da Xunta de Galicia.
O baixo reformouse para ofrecer unha mellor accesibilidade e para facilitar a atención dos turistas.
Ademais, segundo o alcalde, resolveuse o problema de humidades, pintouse o interior e reparouse a carpintería.
O edificio, segundo a propia Xunta, é de arquitectura tradicional de tipoloxía "pacega" ou "casa grande urbana" con elementos de orixe culta como o escudo presente na fachada. En 1994 a casa sufría un incendio e foi restaurada polo Concello, tras a súa adquisición, para convertela en Casa Museo Ramón del Valle-Inclán.