Música sinfónica e tradicional conxugáronse no Concerto de Primavera do campus
Por Redacción
Catrocentas persoas acudían este mércores ao Pazo da Cultura para ver o Concerto de Primavera que protagonizaron a Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile galegos do campus de Pontevedra
Baixo o título de 'Sinerxías', a orquestra dirixida por Javier Lorente ofreceu cos corenta integrantes da aula Permanente de Música Tradicional Galega que coordina Suso Vaamonde unha proposta na que se combinaba a música sinfónica coa tradicional.
En varias das pezas tamén se incorporaban ao escenario tres parellas de bailaríns que se están formando na aula de baile tradicional do campus pontevedrés, que imparte Leilía Montse Rivera.
A actuación iniciábase coa 'Abertura Tequexetéldere', de Simón Couceiro, a cargo da Orquestra Xove de Galicia. A continuación, incorporábase a aula de música tradicional para interpretar a 'Marcha do antigo Reino de Galicia', con arranxos de Suso Vaamonde. Na 'Xota e muiñeira de Coruxedo' tamén se sumaba o alumnado do taller de baile.
Na segunda parte, a orquestra formada por mozas de entre 14 e 26 anos interpretaba en solitario 'Case un valse', de Benxamín Otero, que tivo continuidade coas pezas 'Muiñeira do salmón', de Simón Couceiro, e a 'Xota e muiñeira de voda', con arranxos de Juan Lois Diéguez.
Este Concerto de Primavera está promovido pola Vicerreitoría do campus e apoiado polo Concello de Pontevedra para dar visibilidade a estas actividades formativas no ámbito cultural.
Relacionadas:
-
Únense nun concerto a Orquestra Xove de Pontevedra e as aulas de música e baile tradicional do campus
Por Redacción |
-
Comeza no campus de Pontevedra o Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos
Por Redacción |
-
Reelixen a Óscar García como decano de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción |