A literatura pide paso en Marín coas actividades do Día da Poesía e o certame das Letras Galegas
Por Redacción
O xoves 21 de marzo conmemórase o Día da Poesía e a vila de Marín acollerá varios eventos para festexar a creación literaria e a cultura en xeral.
En primeiro lugar, a asociación Céltica promove o propio xoves un evento poético orientado á mocidade que terá lugar na Biblioteca Municipal Vidal Pazos, a partir das 19.00 horas, e que estará conducido por Inés Pampín e Richard Pazos. Ademais dun coloquio sobre poesía levarase a cabo un recital que contará coa participación das autoras Laura Piedras e Inés González.
Doutra banda o Club de Opinión Portocelo organiza a actividade "Poesía es ti", que terá lugar o venres día 22 ás 20.00 horas, tamén na Biblioteca, plantexado como unha homenaxe ás figuras poéticas de Marín.
O acto arrincará coa conferencia da xornalista, escritora, poeta e narradora marinense Lara Dopazo Ruibal, autora de obras como "Dende a Illa Peixe", pola que recibiu o GX Crea 2008; "Claus e o Alacrán", premiado co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño e "O axolote e outros contos de bestas e auga", que foi Premio Illa Nova de Narrativa 2020.
Ademais a segunda parte do programa será un recital poético, con versos de poetas marinenses falecidos que seguen perdurando na memoria colectiva como Josefa Area, Luís Almazán, Manoel Cambeiro, Ángel Estévez, Víctor Castro, Marisa Pintos, Urbano R. Moledo e Francisco Morales. O evento pechará co concerto "Un canto á poesía", que correrá a cargo do Coro de Cámara Thalassa.
Por último o xoves, o propio Día da Poesía, o Concello ten pensado publicar as bases do XXIII Premio de Poesía do Concello de Marín, que se convoca con motivo da celebración en maio do Día das Letras Galegas.
POSTA A PUNTO DO PARQUE INFANTIL DE SEIXO
Noutra orde de cousas, o goberno local de Marín informou do final dos traballos de reparación e mantemento realizados no parque infantil de Seixo, e que xa se atopa en disposición de volver ser utilizado polos máis pequenos.