'Os dez lanzamentos' desta semana de marzo viñeron cunha ampla nómina galega. Unha delas é Ugía Pedreira, A Pedreira, que prepara álbum en solitario e xa se pode escoitar o primeiro adianto que leva por título 'Basal' e co que pon un reinicio á súa traxectoria. Dacabalo entre a música folk e a electrónica está o produtor e dj ferrolán afincado en Alemaña, Granha. Lanza EP, o terceiro traballo da súa carreira, co título de 'Santa Compaña'.
Quen xa teñen o seu álbum 'XX' no mercado son os Dakídarría. Editan un álbum en directo para celebrar os seus vinte anos de escenarios e fano recuperando o concerto que ofreceron o pasado verán no Festival Revenidas de Vilaxoán. Outro novo elepé, esta vez de debut é o que presentan os tamén galegos Mundo Prestigio que inclúe ademais colaboracións con seis dos seus artistas favoritos da música española, 'Eterna Constanza'.
E para completar os grupos do país Quinkillada presentan un segundo elepé co nome 'Mortal cumbia', música para a verbena ou para un festival, pero sinónimos de música festiva. Tamén hai novidades do artista de Xixón, Sastre, xunto a Gas que presenta avance dun próximo elepé; outra novidade dos Parquesvr e desde o mainstream un recompilatorio para quen viviu as discotecas dos 80 e 90, as Bananarama. Para completar o sétimo disco da carreira de Ariana Grande.
O programa pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e tamén escóitase e descárgase desde a web de PontevedraViva Radio.