Concerto gratuíto da Orquestra Sinfónica de Galicia para achegar a música clásica á cidadanía
Por Redacción
A Orquestra Sinfónica de Galicia volverá ofrecer no auditorio municipal de Vilagarcía un concerto de entrada libre e gratuíta. Será este venres 23 de febreiro ás 20.00 horas.
Como xa sucedeu en novembro de 2022, a prestixiosa formación musical regresa da man da Concellería de Cultura no marco das actuacións programadas co obxectivo de popularizar a música clásica achegándoa ao conxunto da cidadanía.
O público accederá ao auditorio por orde de chegada e ata completar aforo, polo que se prega ao público que acuda ao recinto coa antelación suficiente para respectar a hora de inicio do concerto
Dirixida por José Trigueros, a OSF interpretará este venres 23 un atractivo programa dividido en dúas partes e composto por obras de Félix Mendelssohn e Launy Grondahl. Para a ocasión, Amanda Pinos actuará como trombón solista.
Programa
I FELIX MENDELSSOHN (1809-1847)
Obertura Las Hébridas (10’)
LAUNY GRONDAHL (1886-1960)
Concerto para trombón e orquestra (16’)
Moderato assaimamolto maestoso
Quasi una legenda: Andante grave
Finale: Maestoso - Rondó
II FELIX MENDELSSOHN
Sinfonía nº 4 en La mayor, op. 90, «Italiana» (27')
Allegro vivace
Andante con moto
Con moto moderato
Saltarello. Presto
A Orquestra Sinfónica de Galicia é unha das mellores sinfónicas de España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube. Premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e Premio Cultura Galega da Música 2010, a formación foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart de A Coruña dende 1998. Ademais, a súa presenza nacional e internacional é constante, con concertos nas mellores salas de España e tendo realizado varias xiras por Alemaña e Austria e unha por América do Sur. A finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.