Micah P. Hinson inclúe a Pontevedra na súa nova xira e actuará na cidade o 9 de maio
Por Alejandro Espiño
O estadounidense Micah P. Hinson, considerado pola crítica como o "Leonard Cohen do indie", actuará en Pontevedra. Farao no marco da xira de presentación do seu novo traballo discográfico Micah P. Hinson & The Nothing, que sairá á venda en Europa en marzo. En concreto, poderemos gozar da súa música na nosa cidade o próximo 9 de maio. Será na Sala Karma.
Neste novo disco de folk, o cantautor e guitarrista narra de novo os seus traumas e as súas alegrías. Nesta ocasión, o seu son promete evocar, máis que en ocasións anteriores, o seu son tradicional no que entran tamén influencias de nomes como Violent Femmes. ÿ o seu primeiro traballo con cancións novas desde que en 2010 publicou Micah P. Hinson & The Pioneer Saboteurs.
Micah P. Hinson deuse a coñecer a finais de 2004 cando só contaba con 23 anos. Foi cun primeiro disco titulado Micah P. Hinson and the Gospel of Progress, un traballo musical que obtivo o beneplácito da crítica e foi incluído nos primeiros postos de varias das listas dos mellores discos do ano máis prestixiosas do mundo.
Ademais de Pontevedra, o estadounidense visitará oito localidades españolas entre o 2 e o 10 de maio, aínda que a súa cita na cidade do Lérez será a única que, de momento, o traerá a terras galegas.