Problemas de saúde impiden a Ara Malikian actuar en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O concerto da violinista Ara Malikian previsto no Auditorio de Afundación para o próximo 24 de febreiro, cancelouse "debido a problemas de saúde", segundo o comunicado de prensa enviado pola oficina do músico.
Estas mesmas fontes explican que "o equipo médico aconsellou ao Sr. Malikian tomar un descanso da súa apertada axenda de xiras para centrarse na recuperación e o seu benestar".
Non só se cancelou o concerto de Pontevedra, tamén se caeron os programados en Lugo (16 de febreiro), Vigo (17 de febreiro), Ferrol (18 de febreiro) e tampouco levarán a cabo os de Ourense (23 de febreiro) e A Coruña (25 de febreiro).
Desde a oficina do artista expresaron a súa intención de reprogramar estes concertos da xira The Ara Malikian World Tour "unha vez que Ara Malikian se atope en bo estado de saúde e estea listo para volver actuar".
"Pedimos sinceras desculpas polas molestias causadas aos fans que esperaban con impaciencia estas actuacións", di o comunicado de prensa publicado polos representantes do soado violinista. "Expresámoslles nosa máis sincera gratitude pola súa comprensión e apoio durante estes momentos".
Todas aquelas persoas que adquirisen entradas para o devandito concerto, serán reembolsadas durante os próximos días.
As entradas levaban á venda na internet desde decembro do ano pasado. A última vez que o músico pasou por Pontevedra foi nunha xira que se estendeu desde finais do 2021 ata principios do 2022.