Aprender inglés fortalecendo valores e coñecementos
Por Mónica Patxot & Redacción
O Auditorio de Afundación acolle esta semana dúas funcións diarias dunha obra de teatro para escolares en inglés Help!, dirixida a público de 5.º e 6.º de primaria.
O teatro participativo é unha ferramenta útil, práctica e divertida para aprender inglés.
A obra que están a poñer en escena conta a historia de Zaida que unha mañá a selva enla que vive pídelle axuda. Un grupo de leñadores chegan para cortar a árbore máis alta do bosque, que ofrece alimento, refuxio e sombra a todas as persoas que a habitan. Ela soa terá que detelos coa axuda do público.
Repleta de cancións, acción e humor, esta comedia interactiva está a facer que o alumnado reflexione sobre a conservación e o coidado do medio ambiente. Unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresarse en inglés.
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas.
Trátase de promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.