Os escolares de Ponte Sampaio fórmanse en radio e en valores a través de 'Escolas sen Racismo'
Por Redacción
O CEIP de Ponte Sampaio pon fin este martes a unha iniciativa coa que o centro educativo e as ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) tentaron durante os últimos meses promover a educación en valores do alumnado: o obradoiro de radio de 'Escolas sen Racismo'.
Este obradoiro é unha actividade de educación e comunicación para o desenvolvemento que se encadra no movemento europeo 'Escolas sen Racismo', que engloba a máis de 500 centros educativos, e faise pública nas xornadas previas ao Día Escolar da Non Violencia e a Paz.
A derradeira sesión radiofónica no CEIP de Ponte Sampaio desenvolveuse entre as 16.30 e as 18.00 horas. Os participantes xa realizaron diversas prácticas sobre a temática do medio ambiente, que entronca cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.
Dende principios de curso unha técnica de Agaresso capacitou o alumnado no eido audiovisual, co obxectivo de gravar un programa final centrado na educación en valores, que logo se difundirá entre a comunidade educativa. Os participantes interviron na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.
O estudantado aprende sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquire pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese así a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo.
Unha vez rematado, retomarase en febreiro no CEIP Anexo A Lomba de Vilagarcía de Arousa. Noutros centros pontevedreses estanse a desenvolver distintas accións do programa 'Escolas sen Racismo', coma xogos ou teatrofórum, entre eles o IES Torrente Ballester, que recibiu o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento por este proxecto.
Relacionadas:
-
O alumnado de Ponte Sampaio aprende ao ritmo da eco-percusión
Por Redacción |
-
Dous mestres do IES Torrente Ballester recollen o premio da AECID polo programa "Escolas sen Racismo"
Por Redacción |
-
O IES Torrente Ballester gaña o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento da Aecid
Por Redacción |
-
Alumnos do Torrente Ballester edúcanse en valores a través do xogo
Por Redacción |