O IES Torrente Ballester gaña o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento da Aecid
Por Redacción
O IES Gonzalo Torrente Ballester resultou galardoado co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento Vicente Ferrer polo proxecto Escolas sen Racismo, promovido no centro pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. Trátase dun recoñecemento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento -adscrita ao Ministerio de Asuntos Exteriores - e o Ministerio de Educación.
A experiencia premiada levouse a cabo no instituto pontevedrés durante o curso 2012/2013 co cofinanciamento da Xunta de Galicia e centrouse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión, que culminou coa gravación dun programa no que se incorporaron reportaxes sobre comercio xusto, migracións, a comunidade xitana ou o alumnado con discapacidade.
Tamén se traballou nas aulas sobre o Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento e coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, tarefa da que resultaron murais e poemas.
Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento entregaranse o vindeiro 13 de novembro en Madrid aos quince centros gañadores, dos que o instituto Torrente Ballester é o único galego. En virtude deste galardón, dous docentes do IES participarán previamente nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en educación para o desenvolvemento que se celebrará do 6 ao 12 de novembro entre Málaga e Tánxer.
O IES Gonzalo Torrente Ballester incorporouse o pasado ano ás Escolas sen Racismo, que son unha vintena en Galicia e máis de 500 en Europa. Neste curso, o instituto volve sumarse á programación da rede, canda outros sete centros educativos, con diversas actividades para a educación en valores.
Relacionadas:
-
Os escolares de Ponte Sampaio fórmanse en radio e en valores a través de 'Escolas sen Racismo'
Por Redacción |
-
Dous mestres do IES Torrente Ballester recollen o premio da AECID polo programa "Escolas sen Racismo"
Por Redacción |
-
Alumnos do Torrente Ballester edúcanse en valores a través do xogo
Por Redacción |
-
Os estudantes alertan de que a crise alimenta o racismo
Por Oskar Viéitez |