Cruces de acusacións entre o PP e o BNG marcan o Día da Galiza Mártir
Por Natalia Puga
O Día da Galiza Mártir 2023 está sendo un dos máis controvertidos que se lembran e na xornada despois, continúa a xerar polémica, protagonizada por cargos do PP e do BNG.
Este xoves, durante o acto na Caeira (Poio), o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicou que non acudira antes á celebración porque esta era a primeira vez que o Concello de Poio o convidaba oficialmente. Este venres, o BNG de Poio asegura que iso é mentira.
A voceira do BNG de Poio, Marga Caldas, está sorprendida polas declaracións do conselleiro e asegura que "o conselleiro de Cultura minte cando afirma que nunca estivo convidado" ao acto da Caeira.
Marga Caldas sinala que o conselleiro usa esa afirmación "para xustificar a súa inacción política en materia de memoria histórica, a súa negación á institucionalización do Día da Galiza Mártir negando a súa celebración". Considera que foi ao acto para "branquear a súa a imaxe".
En opinión da concelleira do BNG, estas declaracións evidencian, por un lado, "unha mala organización da Xunta" de Galiza na asistencia aos actos dos concellos e tamén "unha clara falta de interese cara unha data tan sinalada para a memoria histórica que debería ocupar un lugar central no calendario de actos do conselleiro Cultura".
Asegura que o Concello de Poio, durante o tempo que gobernou o BNG, convidaba á Xunta de Galiza a todos os actos da Galiza Mártir en Poio. Remitíase un convite dende Alcaldía dirixido á presidencia da Xunta, pero "dende a Xunta de Galiza nunca dirixiron resposta para asistir".
A concelleira nacionalista considera que agora que o acto é organizado polo PP "parece que o Conselleiro se sinte máis cómodo e decide asistir para esconder as súas vergonzas".
Para o BNG, o PP "quere crear confusión e intenta distorsionar" un día de celebración, "despolitizando" a figura de Alexandre Bóveda e o Día da Galiza Mártir. "Non se pode vir saír na foto a Poio e botarlle a culpa ao anterior Goberno de Poio para xustificar a súa ausencia durante anos", sinala Caldas.
RAFA DOMÍNGUEZ
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, non quixo entrar este venres en polémicas logo de que o BNG, no propio Día da Galiza Mártir, criticara ao PP pola "escenificación absolutamente hipócrita e oportunista" que supón a presencia dun membro do Goberno do PP no acto. "Semella un intento de desvirtuar o significado da Galiza Mártir, de desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asasinato, e de instaurar unha sorte de equidistancia propia dos discursos revisionistas", denunciou o deputado Luís Bará.
Rafa Domínguez non quixo entrar a valorar as "declaracións malsonantes" do BNG e lembrou que este 2023 era a cuarta vez que asistía a este acto, antes como líder da oposición en Pontevedra, e estaba "moi contento de ter ido" tanto antes como agora, pois é un "acto de Xustiza con Bóveda".
Sinalou, ademais, que a súa primeira reunión como vicepresidente da Deputación foi coa Fundación Alexandre Bóveda.
Tamén o vicepresidente respondeu a Calros Solla, galardoado este ano co Premio Galiza Mártir, que pediu á Deputación que medie co alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela, para a retirada de simboloxía fascista no seu municipio.
Segundo explicou, xa no acto lle dixo ao homenaxeado que "tomo nota" e que trasladará a petición ao alcalde, que "é quen ten que decidir".
Relacionadas:
-
José María López de Guereñu Rey celebra o seu 103 aniversario
Por Redacción |
-
O Día da Galiza Mártir volve sacar á luz a simboloxía fascista de 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG critica o PP por revisar a historia con posturas asimilables á ultradereita
Por Oskar Viéitez |
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
"Gustaríanos que a presencia vosa non respondese á oportunidade de quedar ben e logo, veña, ata o ano que vén"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Presentados os actos do Día de Galicia Mártir, nos que por primeira vez estará o conselleiro de Cultura
Por Diego Espiño |