"Gustaríanos que a presencia vosa en ningún momento respondese á oportunidade de quedar ben e logo, veña, ata o ano que vén"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Desde a Fundación Bóveda gustaríanos que a presencia vosa en ningún momento respondese á oportunidade de quedar ben e logo, veña, ata o ano que vén". Son palabras de David Otero, vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, durante a conmemoración do Día da Galiza Mártir en Poio. Non van dirixidas a ninguén en particular, pero o destinatario da mensaxe resulta evidente: o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a ampla representación do PP presente no acto.
O acto que cada no se organiza o 17 de agosto diante do monumento a Alexandre Bóveda que lembra o lugar no que foi asasinado na Caeira non contara ata agora coa presenza de ningún representante da Xunta de Galicia do PP. Nos últimos anos si asistiron, como responsables do Partido Popular nos seus municipios, Rafa Domínguez e Ángel Moldes, que este ano acudiron por primeira vez como vicepresidente da Deputación e alcalde de Poio, respectivamente, pero nunca a presenza 'popular' fora tanta.
O cambio deste ano está vencellado ao cambio do signo político do Concello de Poio, agora do PP despois de 28 anos do BNG de Nito Sobral, e as asociacións de loita e recuperación de memoria histórica aproveitaron a alta presenza da Xunta, da Deputación e do PP para pedirlles que non sexa só unha asistencia simbólica ou na procura dunha foto ou dun titular, senón que se traduza en actos e nunha procura da memoria que dure os 365 días do ano.
Así, David Otero sinalou o seu desexo de que do acto saian "probas irrefutables das nosas alianzas, das nosas complicidades co Bovedismo, pois Bóveda non é un slogan, nin un titular nos medios de fabulación, nin unha pegatina simplemente. O seu discurso non é unha proclama máis ou menos acendida".
"Bóveda non é a rutina dos dezasete de agosto. Bóveda está nas responsabilidades de cada día para que desde el, e na memoria, teñamos en presente aos nosos e ás nosa mártires", pediu David Otero, nun discurso moi aplaudido e reivindicativo no que lembrou que a Guerra Civil foi consecuencia directa e única, non asumida, dos executores do Golpe de Estado contra o goberno estatal, constitucional, democrático e lexítimo da República no ano 1936 e "non vale dicir ou escribir, sen máis obra, as palabras concordia, paz e liberdade".
Lembrou, así mesmo, que a presenza neste Día da Galiza Mártir "non dá indulxencias, nin desculpas, para olvidos, dúbidas e silencios, ou falta de toma de decisión" e, como Fundación, pregúntanse: "Serán horas de abrir as portas dos despachos e exercer a libre entrada para buscar verdades?", "serán horas de que esixir a verdade, a reparación, a inocencia e a honra das e dos mártires non sexa unha anomalía?" ou "son horas de sacar á vida ás e ós nosos mortos de fosas e cunetas?".
Tamén reivindicativa foi Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, que lembrou que "emendar os erros cando estes atinxen ao público, require de orzamentos" e que Galiza precisa "galeguismo orzamentario", porque "do que imos sobrados é de galeguismo de vocabulario e de homenaxes de escenario".
O acto presentouno Natalia Sabarís, concelleira de Cultura de Poio, e pechouno Ángel Moldes, que se estreou na tarefa co seu compromiso de que "Bóveda seguirá vivo en Poio" e lembrando que hai xa anos que se comprometeu a que, independentemente de quen gobernara, "a memoria de Bóveda seguirá viva, non só o 17 de agosto", pois Alexandre é "patrimonio de todas e de todos" e "patrimonio de Galicia". "Bóveda éGalicia", rematou.
Este acto central do Día da Galiza Mártir contou coa presenza de asociacións de memoria e concelleiros e cargos politicos de todos os partidos políticos con representación en Pontevedra e Poio, PP, BNG e PSOE, ademáis do alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores; e do deputado do BNG no Parlamento de Galicia Xosé Luís Rivas 'Mini'.
Na Caiera houbo este ano unha menor asistencia de cidadáns e políticos, pero non faltaron a habitual homenaxe floral no monumento a Bóveda e un recordo á figura deste político e intelectual galeguista fusilado o 17 de agosto de 1936 polos Golpistas polas súas ideas.
Ademais, entregouse o Premio Galiza Mártir, unha distinción que recoñece o traballo na loita por poñer en valor a memoria histórica ao historiador Calros Solla Varela, en nome do colectivo Capitán Gosende.
Relacionadas:
-
O Museo e a Fundación Castelao abrirán vías de colaboración
Por Redacción |
-
Cruces de acusacións entre o PP e o BNG marcan o Día da Galiza Mártir
Por Natalia Puga |
-
O Día da Galiza Mártir volve sacar á luz a simboloxía fascista de 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG critica o PP por revisar a historia con posturas asimilables á ultradereita
Por Oskar Viéitez |
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
A Mocidade Galega pola Memoria conmemora o Día da Galiza Mártir cun roteiro e un decálogo de propostas
Por Natalia Puga |
-
Presentados os actos do Día de Galicia Mártir, nos que por primeira vez estará o conselleiro de Cultura
Por Diego Espiño |
-
A Deputación e a Fundación Alexandre Bóveda colaborarán para pór en valor a figura do ilustre galeguista
Por Oskar Viéitez |