O BNG critica o PP por revisar a historia con posturas asimilables á ultradereita
Por Oskar Viéitez
O BNG celebrou este xoves na praza de Curros Enríquez de Pontevedra o seu acto do Día da Galiza Mártir como data central do calendario da memoria histórica galega e na honra do fusilado Alexandre Bóveda.
O alcalde de Soutomaior e integrante da Executiva Nacional do BNG Manuel Lourenzo, defendeu o legado do galeguista e subliñou que hai que reivindicar a súa figura "sen ambigüidades", criticando ao PP por "revisar a historia con equidistancia e discursos asimilables á ultradereita, desnaturalizando o sentido da celebración, da obra do político e os motivos do seu asasinato".
Lourenzo instou ao PP a posicionarse claramente en favor das vítimas e apoiar a iniciativa que este xoves o BNG presentou no Parlamento para institucionalizar o 17 de agosto como Día de Galiza Mártir para honrar a todas as persoas perseguidas e asasinadas ou vítimas do cárcere, vexacións ou o exilio, crear uns galardóns de recoñecemento a entidades de memoria histórica e anular todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura.
Tamén falaron neste acto a alcaldesa de Pontecesures Maite Tocino e a membro de Galiza Nova Irea Ferreiro.
LEONOR PRIETO 'NENÉ'
Responsables de Galiza Nova reuniuse este xoves na Taberna Saudade para a celebración do xa tradicional xantar do día da Galicia Mártir, acto co que a organización xuvenil fixo entrega dun carné e dun ramo de flores a Leonor Prieto 'Nené', pois a Dirección Nacional da organización dedidiu por unanimidade nomeala militante de honra "polo seu compromiso co país e nomeadamente con Pontevedra, pola súa loita por unha ría libre de ENCE" sinalou Xoán Antelo, responsable comarcal da organización.
'Nené' manifestou estar "profundamente abraiada e agradecida" por este nomeamento.
Relacionadas:
-
Cruces de acusacións entre o PP e o BNG marcan o Día da Galiza Mártir
Por Natalia Puga |
-
O Día da Galiza Mártir volve sacar á luz a simboloxía fascista de 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
"Gustaríanos que a presencia vosa non respondese á oportunidade de quedar ben e logo, veña, ata o ano que vén"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |