Treves parará unha semana obrigada polo axuste de produción de Citroen
Por Redacción
A fábrica de Trèves no polígono industrial do Campiño parará a próxima semana obrigada pola detención da produción do centro de PSA Peugeot Citroën en Vigo.
Fontes do comité de empresa da factoría indicaron que a parada durará unha semana e afectará a toda a actividade, de modo que todo o persoal quedará na casa.
A decisión de parar a actividade adoptouna a empresa este xoves e este venres comunicoulla aos traballadores. O comité sinalou que no caso da factoría de Trèves tiñan traballo pendente, pero decidiron parar a produción para non acumular stock durante toda a semana na que non poidan fornecer de material a Citroën.
Este parón non estaba previsto na fábrica do Campiño. No caso de PSA Citroën, a empresa fai unha parada conxunta de todas as plantas do grupo en Europa que ten como obxectivo axustar stock.