Pontevedra móllase contra a Lei Wert
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A manifestación da "marea verde" contra as políticas educativas do Goberno de Mariano Rajoy e o ministro José Ignacio Wert puxo o remate a xornada de folga no ensino. Esta mobilización comezou en Pontevedra pasadas as 19:30 horas, convocada pola Plataforma Estatal pola Escola Pública.
O seguimento da folga na comarca de Pontevedra sitúase preto do 90 por cento en alumnos e en torno ao 80 por cento en profesores, segundo os primeiros datos solicitados por CIG-Ensino.
"Ás familias responderon de forma total. En Secundaria os centros están todos paralizados de forma absoluta e en Primaria hai un tanto por cento alto de alumnos que non asistiron ao Colexio. Na comarca estamos por enriba do 80 por cento do profesorado", informou o responsable de CIG-Ensino na comarca, Xacobe Rodríguez.
En canto á manifestación convocada ás 11:30 horas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que participan CIG-Ensino e a Liga Estudantil, entre outros, Xacobe Rodríguez comentou que a participación foi maior que na folga do 9 de maio. Segundo os convocantes asistiron un millar de persoas. Por estes motivos dende a CIG non dubidaron en valorar a xornada como un "éxito rotundo".
Igualmente CC.OO, que convoca xunto a UGT mobilizacións conxuntas, cifraron o paro entre un 80 e un 85 por cento nos docentes da educación pública; mentres que os universitarios o secundan nun abano de entre o 80 e o 85 por cento. En canto ao persoal laboral, o seguimento é dun 25 por cento.
DATOS DA XUNTA
Os datos recollidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos centros educativos públicos na provincia de Pontevedra amosan un seguimento por parte dos docentes e persoal de centros da Consellería- do 21,31% da folga.
A xornada lectiva desenvolveuse con normalidade nos centros de ensino, garantindo a apertura dos mesmos para aqueles membros da comunidade escolar que decidiron non secundar o paro, cun cumprimento total dos servizos mínimos.
No ensino concertado o paro foi secundado polo 9,58% en Pontevedra. En relación con este ultimo tipo de centros, nun comunicado oficial a Consellería sinala que "non se entende, dentro do escaso eco que neles tivo a convocatoria, que haxa quen apoie a folga, cando os convocantes da protesta téñense pronunciado publicamente en contra da existencia do ensino concertado".
CONCELLO DE PONTEVEDRA
A Concellería de Educación de Pontevedra fixo hoxe un seguemento da convocatoria de folga nos 21 colexios públicos de Educación Infantil e Primaria do municipio e constatou que foi seguida por un 78% do alumnado e un 35% do profesorado. Os datos, recompilados polo departamento que dirixe Agustín Fernández, centro por centro, "amosan claramente que as familias secundaron a convocatoria en maior medida que o corpo docente".
Un total de 10 colexios pontevedreses "superaron claramente a cota do 80% de apoio entre o estudantado": A Carballeira, Cabanas, Marcón, Parada, Ponte Sampaio, San Martiño, Santo André de Xeve, Vilaverde, Fina Casalderrey e Verducido. O colexio cun menor índice de participación foi o de San Bieito de Lérez, cun 50%. Os datos do profesorado destacan no caso de Cabanas e Campañó, nos dous casos por enriba do 75%.
Agustín Fernández considera que as porcentaxes nos centros de Infantil e Primaria "son reveladores e constatan o apoio masivo das familias á convocatoria".
POIO E BARRO
Segundo informaron dende as Asociacións de Pais e Nais de Alumnos nos Colexios de Educación Infantil e Primaria de Barro o seguemento da folga foi de un 90% "non así os mestres que secundaron a FOLGA que foi de un 25%".
A concellaría de educación de Poio trasladou os seguintes datos:
- CEIP Viñas: Profesorado: de 18, 4 secundaron a folga. Alumnado: de 90, 84 secundaron a folga.
- CEIP Lourido: Profesorado: de 18, 2 secundaron a folga. Alumnado: o 80 % secundaron a folga.
- CEIP Isidora Riestra: Profesorado: de 26, 7 secundaron a folga. Alumnado: de 310, 270 secundaron a folga.
- CEIP Chancelas: Profesorado: o 35 % secundaron a folga. Alumnado: o 90 % secundaron a folga.
- CEIP Espedregada: Profesorado: o 27,7 % secundaron a folga. Alumnado: o 79 %secundaron a folga.
- IES de Poio: Profesorado: de 49, 20 secundaron a folga. Alumnado: Nos dous primeiros cursos da ESO, un 50 % participou na folga. En 3º e 4º o seguemento foi maior.
Relacionadas:
-
As protestas contra a LOMCE volverán en setembro
Por Redacción |
-
A marea verde organiza unha "campaña de resistencia" contra a Lei Wert
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma en Defensa do Ensino Público prepárase para a primeira gran batalla contra a Lei Wert
Por Redacción |
-
Os socialistas admiten o seu pesimismo pola "contrarreforma nacionalcatolicista" da Lei Wert
Por Oskar Viéitez |
-
Folga no ensino: unha nova guerra de cifras
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot & Aitana Vidal |