Folga no ensino: unha nova guerra de cifras
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot & Aitana Vidal
As 11:45 da mañá. Na Praza da Ferrería vaise formando un grupo de profesores, sindicalistas e estudantes para participar na manifestación convocada pola Plataforma Galega en defensa do ensino público. Atrásase á espera dunha maior participación. Ondean bandeiras do sindicato CIG e de Galiza Nova xunto a pancartas que rexeitan a lei: Non á LOMCE.
Un profesor comenta: "es lamentable que no haya más gente. Esto a quien debería de importarle es a los padres porque está en juego el futuro de sus hijos. Yo no gano nada con esta huelga. Pierdo dinero pero hay que hacerlo porque la ley perjudica a la enseñanza pública".
A manifestación inicia a súa marcha co obxectivo posto na Subdelegación do Goberno. De alí regresa outro grupo de estudantes e profesores apoiados por outros sindicatos. Son os Estudantes sen futuro. Un sindicalista laméntase: "non podemos seguir con esta desunión de sindicatos e organizacións ante este tipo de cuestións fundamentais".
Xacobe Rodríguez, voceiro da Plataforma Galega en defensa para ou ensino indicou que a LOMCE "busca reforzar a relixión católica nas escolas, a privatización, os concertos educativos cos centros que segregan por razón de sexo, recortar ás competencias das comunidades educativas... en fin, a lei non hai por onde collela".
Como dato anecdótico, un piquete de arredor de 200 estudantes achegouse ata a Biblioteca Pública. Alí, segundo unha testemuña, golpearon as portas e manifestaron a súa protesta contra a lei nas salas de lectura durante dez minutos sen que se produciran incidentes de gravidade.
CIFRAS SOBRE O SEGUIMENTO
Unha vez máis, con motivo destas convocatorias ábrese unha guerra de cifras. A organización, a través da Plataforma Galega en defensa para ou ensino público establecía o seguimento en máis do 70% por parte do profesorado nos colexios, nos centros de ensino media sinalaban que o seguimento superaba o 90% ao igual que na educación universitaria.
Dende o goberno local, as cifras sobre a incidencia da folga fíxanse nun 70% do profesorado e nun 74% do alumnado nos colexios do ámbito municipal. O centro no que se produciu maior seguimento por parte dos docentes foi o de Barcelos e o que contou con menos asistencia de alumnos ás clases foi o de San André de Xeve mentres que ao colexio de Campolongo acudiron case o 60% dos estudantes.
Pola súa parte, a Consellería de Cultura e Educación sitúa o seguimento do paro nun 19,1% dentro dos colexios públicos da provincia.
No IES Luis Seoane de Monte Porreiro durante toda a xornada se desenvolve un encerro con distintas actividades para manifestar a súa oposición á coñecida como Lei Wert.