As primeiras castañas da tempada: "se cadra non é a que está máis boa, pero é a que mellor senta"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O coñecido como príncipe das castañas, Paco Pazos, fillo de Valentín, o rei das castañas de Pontevedra, ten desde este martes o seu tren castañeiro na glorieta de Compostela. Está no que xa é o seu emprazamento habitual, tras deixar a Ferrería na que empezou o negocio co seu pai, e serve a castaña de sempre, converténdose nun dos poucos elementos 'normalizador' nunha época de pandemia e cambios. Aínda que tamén el chega con cambios. "É o ano que máis cedo abro".
En anos pasados, outros castañeiros da cidade si empezaron a servir castañas en datas similares de finais de setembro, coincidindo coa entrada do outono, pero para el é o ano máis madrugador. Segundo explicou el mesmo a PontevedraViva, "sempre empezo o día 1 ou 2 de outubro", pero o ritmo non o marca el, "quen marca o vir é a castaña" e é o tempo o que marca o ritmo de crecemento e caída do froito.
"Empezamos hoxe a campaña", tenlle que explicar cada poucos minutos aos clientes, que o reciben cun sorriso e moito agarimo. El devólvelles o seu eterno sorriso e asegura que o recibimento está a ser moi bo. "xa estamos a vender ben e creo que este ano vai ser histórico de bo".
Ademais, a castaña "vén espectacular" asegura. "A primeira que vén non é a que está máis boa porque aínda está un pouco verde, pero é a que mellor senta, levas 9 meses sen comer castaña". Este ano, ademais, a xente agradéceo máis que nunca. "Agora que está todo revolucionado, a xente está súper marabillada. Din: 'unha cousa normal, como sempre'".
A súa presenza diante do antigo cinema Gonviz é xa unha parte máis do decorado de cada outono pontevedrés e a clientela élle tan fiel que lle ten controlados xa os horarios e días de apertura. Esta circunstancia motivou que este ano todos lle recibiran con sorpresa. "A xente está un pouco desencaixada. Dinme: 'debemos estar a 30 graos...'".
A sorpresa tamén trouxo moitas ganas de comprar esas primeiras castañas. Desde que se instalou ás 11 da mañá, non deixou de vender cornetes, nos que, ademais conserva o prezo dos últimos anos, dez castañas, un euro. Nalgúns momentos da tarde chegaron a xerarse colas de clientes ansiosos por lembrar o sabor de cada outono.
Paco Pazos presume de ser o príncipe das castañas e o que as vende máis ricas. Un dos seus segredos é que a trae de Verín, en Ourense, e que é o único castañeiro de toda España que a serve. "Traio sempre de Verín porque é calidade suprema, tanto que vai toda para fose, Alemaña, Francia, Suíza. A única castaña de Verín que se come en Galicia e en España é neste posto. Á parte de pagala cara, danma por recomendación", explica.
Logra esa recomendación pola súa tradición castañera. Empezou co seu pai e el mesmo leva 43 anos asando castaña para os pontevedreses. "Empecei aos 10 anos e teño 53", comparte orgulloso. A partir do sábado, ademais, vestirá un polo bordado co lema "40 anos na rúa", o mesmo título que levará o libro que está a escribir.
Abrir o posto é, para Paco, unha satisfacción polo bo recibimento. "é o que máis valoro, para min é como volver ao cole tres veces ao ano durante toda a túa vida, volves ver á xente de sempre". Este martes, no seu primeiro día, recibiu a visita dun veciño do seu pai de Estribela de 84 anos ao que levaba seis anos sen ver por unha enfermidade.
"Iso non ten prezo, é a verdadeiro mamá de traballar nisto. Vivo nunha cidade onde coñezo a todo o mundo, todo o mundo me saúda, síntome máis que calquera ministro", comenta orgullos. E engade unha reflexión: "dinme: 'se tes as mans sucias'...; e dígolles: ' téñoas máis limpas ca ninguén'".
Nesta volta ao seu 'cole' particular só quédalle "unha espiña cravada", que a estatua que soña para o seu pai non sexa unha realidade. Anos atrás recolleu miles de firmas para pedir ao Concello de Pontevedra un monumento para o rei das castañas e "de momento non tiven contestación de ninguén nin fun recibido no Concello".
"Si fun recibido como atleta, pero como atleta non vallo nada, vallo como castañeiro", lamenta. De todos os xeitos, non perde a esperanza, insiste en que a pesar de que non lle faga caso, el vota en todas as citas electorais ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e anuncia que "tentarei seguir loitando". A súa idea agora é correr o media maratón de Londres, 21 quilómetros, empuxando un tren castañeiro especial, para reunir os fondos que lle permitan facer el o monumento.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O castañeiro Paco Pazos márcase un orixinal baile para anunciar o lanzamento do seu libro
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A toda máquina (de castañas) para promocionar Pontevedra no Maratón de Nova York
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un castañeiro de sangue granate
Por Redacción |
-
Debería ter unha estatua na Ferrería o castañeiro Valentín?
Por Anxo Lourido |