Comisións Obreiras acusa ao Xefe da Policía Local de ditar unha orde "discriminatoria"
Por Redacción
A sección sindical de Comisións Obreiras no Concello de Pontevedra, acaba de denunciar publicamente a súa "desconformidade" coas últimas actuacións do Xefe da Policía Local, que consideran que "dana os dereitos dos traballadores e aposta por priorizar obxectivos políticos, desprezando outras funcións policiais menos recoñecidas socialmente, pero igual de importantes".
Nun escrito asinado polo voceiro sindical, Antonio Millares, estes traballadores municipais aseguran non compartir os últimos investimentos realizados en materia de medios na policía, en concreto citan o multauto, os GPS en guindastres "para maior control", sistema de trasmisiones "pouco operativo e que dificulta o labor policial", cambio de sinalización para regular o estacionamento "que causa confusión e por conseguinte maiores problemas aos axentes no desempeño das súas funcións".
Dende CC.OO. cualifican esta orde como "arbitraria, discriminatoria e personalizada, ilexítima e capciosa"
Pero "a gota que enche o vaso" é a orde do pasado día 27 de setembro, sobre a perda do posto nas unidades de emisora, seguridade cidadá ou atestados, dos policías que opten por non facer noites ao cumprir os 55 anos.
Dende CC.OO. cualifican esta orde como "arbitraria, discriminatoria e personalizada, ilexítima e capciosa".
Segundo as explicacións ofrecidas dende Comisións Obreiras a medida afecta só a tres unidades da Policía Local, en total uns 25 axentes, dos 44 policías e mandos que na súa xornada laboral realizan servizo na quenda de noite.
Considérana discriminatoria porque se resolve ante a solicitude no mes de xullo, dunha axente (muller), para deixar de prestar servizo de noite na emisora por cumprir 55 anos, cando anteriormente e ante igual solicitude dun axente (home), permitíuselle continuar na unidade nas quendas de mañá e tarde e adáptoselle o horario e descansos. Afirman que a compañeira é "curiosamente" a primeira muller que exerce ese dereito sobre non prestar servizo de noite ao cumprir 55 anos de idade.
Insisten en que discrimina por motivos de idade", porque impide aos policías maiores de 55 anos que prestan os seus servizos nas unidades de emisora, Seguridade Cidadá e Atestados, estar nesas unidades si optan por exercer un dereito recoñecido, e obrígaos de exercelo, a reverter a outra unidade chamada de barrios, que curiosamente os seus membros menores de 55 anos realizan servizos na quenda de noite.
A sección sindical de CC.OO. solicitou o pasado día 04 de outubro, unha reunión urxente coa concelleira Carmen Da Silva, "na súa dobre vertente de responsable política de policía e muller vinculada a movementos feministas", ao obxecto de expoñerlle a problemática acontecida e a "discriminación de xénero consumada" coa instrución do Xefe da Policía, "sen ter resposta ningunha".
"Non entendemos que un funcionario, por moito que sexa o Xefe de Policía Local pretenda romper con ordes inxustas a paz social"
Comisións Obreras considera que existen mecanismos de negociación no Concello de Pontevedra que se demostraron como válidos nestes últimos anos, polo que, aseguran dende o sindicato, "non entendemos que un funcionario, por moito que sexa o Xefe de Policía Local pretenda romper con ordes inxustas a paz social".
"Esta actuación do Xefe da Policía extrapolada a outra administración ou mesmo empresa privada, sería cualificada de grave ataque aos dereitos das mulleres", engaden estas mesmas fontes.
Nos próximos días e "ante o silencio da concelleira de Seguridade Cidadá", a sección sindical de Comisións Obreiras solicitase reunións co resto de grupos políticos do Concello de Pontevedra, para expoñerlle a problemática acontecida e solicitar o seu apoio.