A CIG convoca unha asemblea de parados para impulsar unha campaña de '100 medidas para crear emprego'
Por Anxo Lourido
O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, en compañía do responsable de organización, Rafael Iglesias, presentou as 100 medidas para crear emprego que o sindicato nacionalista promove para crear emprego na comunidade onde a cifra de parados ascende aos 280.000, segundo afirmaban os representantes sindicais.
As medidas centraríanse en diferentes sectores. No ámbito industrial promoveríase que se completasen os ciclos produtivos de maneira que Galicia non sexa soa exportadora de materia prima; no ámbito financeiro impulsaríase a creación dunha banca pública galega; os salarios de inserción constituirían a principal novidade no apartado social e no laboral fomentaríanse dende a administración os sectores produtivos.
Segundo manifestou Marcos Conde: "Trátannos como se fósemos unha colonia. Para o único que nos queren é como man de obra. Estamos a exportar man de obra". Sinala que tan só con cubrir as baixas e as xubilacións que na Administración actualmente non se cobren, con evitar a centralización da Banca e con obrigar ás empresas de telemárketing a que teñan empregados galegos para que poidan atender nesta lingua se crearían máis de 8.000 postos de traballo.
ASEMBLEA DE DESEMPREGADOS
Por este motivo, dende a CIG decidiron emprender unha iniciativa lexislativa popular para que se poidan formular estas 100 medidas no Parlamento de Galicia. Entre outras actividades, o sindicato convocou unha asemblea de desempregados o día 2 de outubro ás 17 horas no Local Sindical, ademais doutras asembleas que manterán nos distintos centros de traballo.
Relacionadas:
-
A CIG comeza a recoller sinaturas para presentar no Parlamento as súas 100 medidas para crear emprego
Por Anxo Lourido |
-
Poucos desempregados na asemblea de parados da CIG
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra acumula o sexto mes de descenso do desemprego, con 1.128 parados menos en agosto
Por Natalia Puga |