A CIG comeza a recoller sinaturas para presentar no Parlamento as súas 100 medidas para crear emprego
Por Anxo Lourido
Os integrantes do sindicato nacionalista CIG realizarán unha campaña de recollida de firmas dende o 7 de xaneiro ata o 2 de abril para poder presentar unha iniciativa lexislativa popular coas 100 medidas para crear emprego que propuxeron nun documento que queren que se debata no Parlamento.
A campaña realizarase nos centros de traballo pero tamén en ámbitos sociais. O obxectivo é lograr 15.000 firmas en toda Galicia, tal e como esixe a normativa. Non obstante, o secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, sinala que o sindicato podería chegar case a sextuplicar esa cifra de apoios requirida. "Só en Pontevedra xa temos máis de 3.000 afiliados pero queremos levar a campaña ás rúas", afirma o líder sindical.
As cen medidas que propoñen céntranse en establecer un sistema que promova a elaboración, produción e consumo de produtos elaborados en Galicia, promover unha banca pública, acometer unha reforma fiscal e financeira ou crear un instituto galego para o emprego.
Rafael Iglesias, representante do sindicato, indicaba que as medidas que se están a adoptar por parte do goberno non están a favorecer a creación de postos de traballo. "O salario mínimo segue conxelado en 645 euros. Este goberno vende moita propaganda pero a crise económica vai para longo". E engadiu que "se Bankia é un problema de Estado, Novagalicia Banco tamén debería selo. Igual que o naval e que moitas actividades agrícolas. Feijóo e Rajoy debería preocuparse destas cousas".
Ambos os dous dirixentes da CIG sinalaron que no último ano se incrementou o número de mozos galegos que se ven obrigados a emigrar a Alemaña, Francia, Holanda e Inglaterra. "Repítese o que xa sucedeu nos anos 60", apuntou Iglesias.