O marisqueo volve á ría cun ollo posto nos efectos das choivas
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Desde o 3 de xaneiro as mariscadoras non faenan na ría de Pontevedra. A intención era volver á praia o día 9, pero as fortes choivas e os efectos das avenidas, grandes cantidades de auga doce procedente do Lérez, obrigaron a pospoñer unha semana o retorno ao comprobar os técnicos a debilidade da ameixa pola caída da salinidade.
A pesar da incerteza por este parón, desde a confraría de Lourizán confían en que os bivalvos puidesen sobrevivir ás riadas. Os técnicos estiveron supervisando os bancos e recomendaron faenar estes días en zonas baixas nas que sempre hai auga a pesar da baixada da marea.
"Se non hai mortaldade non hai problema, pero se o bivalvo está débil, non pode enterrarse e si que lle afecta a pouca salinidade", explica a patroa maior desta confraría, Mari Carmen Vázquez.
O mal tempo non é a única circunstancia que afectou á actividade marisqueira. A situación epidemiolóxica da área sanitaria tamén lastrou a este sector. O contacto con positivos obrigou a paralizar a lonxa un día por falta de persoal e o brote en Campelo motivou a realización dun cribado que, en Lourizán, pechouse sen un só positivo e cunha participación do 100%, destaca Vázquez.
Aínda así, no sector foxen das lamentacións e destacan que a pesar das limitacións o prezo da ameixa non se esborrallou e a situación sanitaria tampouco os obrigou a parar ao estar considerados traballadores esenciais.
"A campaña de Nadal foi boa e febreiro tamén semella que vai ser bo, pero nós ímolo vendo día a día", dixo a presidenta, recoñecendo que a perda de actividade de sectores como o hostaleiro ou a precaria situación dalgunhas familias pode facer caer o prezo do bivalvo se non hai demanda suficiente.
Relacionadas:
-
A confraría de Lourizán estrea embarcación para controlar as extraccións na ría
Por Redacción |
-
Convocan doce novas plazas para marisqueo a pé en Lourizán
Por Redacción |
-
As lonxas de Pontevedra capearon a pandemia e pecharon vendas por 153 millóns de euros en 2020
Por Oskar Viéitez |
-
A Consellería subvencionará sementeiras de bivalvos para paliar os efectos dos últimos temporais
Por Oskar Viéitez |
-
Detectan dezaseis positivos no cribado por PCR entre o marisqueo da ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Campelo, pendente dun cribado: "hai familias enteiras confinadas, nenos no colexio confinados, moitísima xente"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |