As lonxas de Pontevedra capearon a pandemia e pecharon vendas por 153 millóns de euros en 2020
Por Oskar Viéitez
As lonxas de Pontevedra descargaron 38.000 toneladas de especies pesqueiras, o que supuxo o 25% das vendas en Galicia. En relación á facturación, Pontevedra acumula o 37,1% dos ingresos na comunidade, por enriba dos 153 millóns de euros.
Son datos que recolle un informe sobre a primeira venda de produtos pesqueiros frescos realizada o ano pasado nas lonxas e centros autorizados de Galicia, que mostra que a comercialización de peixe se mantivo practicamente estable en relación con 2019 malia as dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.
Arousa xunto a Coruña-Ferrol, A Mariña e Vigo son as zonas administrativas da produción que copan a maior parte da actividade na súa área de influencia. De feito, esta catro zonas concentran o 86% das vendas e da facturación do conxunto de centros de primeira venda da comunidade.
O informe da Consellería do Mar destaca, en canto aos ingresos xerados, tamén outras como O Grove, Cambados ou Carril, froito da súa actividade marisqueira e vencellada á frota de artes menores con recursos que acadan un alto valor comercial.
A poxa das distintas especies de peixe sufriu un descenso do 2,4% en 2020, con algo máis de 138.000 toneladas, o que demostra o esforzo realizado pola frota galega durante o pasado exercicio para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía durante a pandemia.
Trátase dun esforzo que o sector realizou en moitas ocasións malia non ser rendible a súa actividade, como reflicte o feito de que a facturación pola venda de peixe caeu en maior medida que as descargas, un 6%, con algo máis de 300 millóns de ingresos pola súa venda, posto que o prezo medio dos peixes caeu ante a menor demanda destes produtos.
O balance global de 2020 nas lonxas galegas -incluíndo todas as especies- deixa unha caída do 5% nas cantidades comercializadas, ata superar levemente as 150.000 toneladas, e unha baixada na facturación de algo máis do 10%, ata rozar os 413 millóns de euros.
Estes descensos débense en boa medida á evolución da comercialización dos bivalvos, cunha caída das cantidades poxadas do 34% e dos ingresos obtidos do 24%, como consecuencia da menor actividade do sector marisqueiro durante boa parte do ano polo peche da hostalería, a principal canle de venda destes produtos.
Esta evolución das descargas e das poxas demostra que o sector pesqueiro resistiu mellor que outras ramas de actividade da economía galega o impacto da crise polo coronavirus.
Entre os datos positivos rexistrados malia a pandemia está o prezo medio dos produtos do mar, que acadou en 2020 os 2,75 euros o quilo, o que supón a terceira mellor cotización da serie, que se remonta a 1997, tras baixar desde os 2,94 euros o quilo acadados un ano antes.
Por grupos de especies, preto do 92% da cantidade comercializada en 2020 era peixe, con eses 300 millóns de euros de facturación. Entre o 8% restante destaca o grupo dos bivalvos, que achegou algo máis do 4% das vendas e acadou uns ingresos de 66 millóns de euros, máis do 16% da facturación total das lonxas e centros de primeira venda de Galicia ao tratarse de produtos que obteñen prezos medios altos.
ESPECIES MÁIS COMERCIALIZADAS
Por especies, a máis comercializada en 2020 nas lonxas galegas foi o xurelo, con preto de 32.000 toneladas, seguida da pescada, con case 26.000 toneladas, e do lirio, con máis de 20.000 toneladas. Estas tres especies concentran máis da metade das capturas totais poxadas durante o ano pasado.
En canto á facturación, a especie destacada é a pescada, cuns ingresos xerados de preto de 100 millóns de euros e unha cuarta parte da cifra de negocios total das lonxas. Séguena a distancia outras especies como o peixe sapo (34 millóns), a ameixa xapónica (máis de 28 millóns), o xurelo (26 millóns) e o rapante, cuns ingresos xerados de máis de 25 millóns de euros.