O PP denuncia catro novos contratos do Concello por "amiguismo" a afíns do BNG ante a "tranquilidade" do Goberno local
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Segunda denuncia pública do Partido Popular de Pontevedra nun mes polo que considera casos de "clientelismo", "nepotismo" e "amiguismo" do BNG por adxudicar contratos menores a persoas afíns ao seu partido. En xaneiro denunciou varios contratos en materia cultural e este luns outros 4 de distinta natureza, con todo, de momento, rexeitan levar este asunto á Xustiza.
"Soy absolutamente reacio a ir a la justicia, sería el ultimo paso", asegurou o portavoz municipal do PP, Rafael Domínguez, que fixo pública a denuncia nunha comparecencia na que o acompañou o concelleiro 'popular' Gerardo Pérez Puga. Asegurou que se detecta algún "delito flagrante" si denunciará pola vía penal, pero "judicializar la vida política no es mi intención bajo ningún concepto".
Domínguez explicou que os concelleiros José Manuel Muñoz e Gerardo Pérez Puga examinan todos os contratos que asina o Concello a súa conclusión é que o 'modus operandi' do BNG en Pontevedra é contratar a persoas e organizacións afíns contratos menores, sempre en niveis inferiores á obrigatoriedade de sacar a concurso público eses contratos.
Entre os catro contratos denunciados figuran dous a organizacións e persoas afíns ao nacionalismo: 2.420 euros contratados en publicidade para unha das revistas da Fundación Bautista Álvarez de estudos nacionalistas, "intimamente ligada al BNG y el nacionalismo"; e 48.670 euros en seis contratos diferentes de organización de eventos a Ana Seoane Ortiz, número 21 das listas nacionalistas nas últimas eleccións municipais.
Tamén denuncian que se contratou servizos a cargos do BNG. En concreto, 7.467 euros a Manuel Domínguez, responsable comarcal do partido no Salnés, por organización de talleres de mandrágoras, colgantes, xogos de mesa, magic roupa, lentering, decoración, billarda, violín e xogos lobishome; e dous contratos por 10.345 e 9.256 euros con Roberto Rivas Reboredo, tenente de alcalde de Barro desta formación, para contratar "camiñadas con grupos sobre a lingua para fomentar o uso de galego ligando o seu prestixio ao modelo urbano a través da historia das persoas que desde Pontevedra traballaron para normalizar o uso da lingua”.
Este último contrato é un dos que máis críticas esperta a Rafa Domínguez, que asegura non entender "que se dé 20.000 euros al teniente de alcalde de Barro por dar paseos en gallego por Pontevedra". "No entiendo el interés" asegura, para lembrar que hai moitos pontevedreses que non cobran 20.00 euros nun ano e o Concello "con el dinero de todos los pontevedrés se lo da al teniente de alcalde de Barro por dar paseos en gallego".
Domínguez anuncia que seguirán estudando novos contratos nos que se poderían detectar "situaciones irregulares" e tamén que nos próximos días reunirase co seu equipo para analizar os seguintes pasos a dar en relación con estes contratos. A finais de semana dará a coñecer a súa decisión.
"TRANQUILIDADE" NO GOBERNO: "QUE INVESTIGUEN TODO O QUE QUEIRAN"
A este respecto, a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, mostrou a "tranquilidade" que existe no executivo local ante estas denuncias e animou aos populares a que investiguen "todo o que queiran" os contratos municipais.
"Que sigan perdendo o tempo", sinalou Gulías, que botou man do refraneiro para cuestionar a honorabilidade do PP, afirmando que "pensa o ladrón que todos son da mesma condición". Cando se trata de "legalidade e de ética política", engadiu, "non temos medo".
Lembrou que o Concello contrata en base a tres "criterios claros". Por unha banda a legalidade, xa que apuntou que todos os contratos son revisados "escrupulosamente" polos técnicos municipais; e a profesionalidade das empresas elixidas.
O terceiro destes criterios, sinalou a edil do BNG, é que "sempre primamos o criterio local", polo que "se podemos contratar empresas de Pontevedra, mellor". Con este último enfoque, segundo Anabel Gulías, "estaremos sempre".
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez ve "nerviosismo" nos "insultos" e "descualificacións" de Carme da Silva ao chamalo "neno pijo mal criado"
Por Redacción |
-
Carme da Silva, sobre a comisión de investigación que pide Rafa Domínguez: "é unha pataleta dun neno pijo mal criado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez pide que se abra unha comisión de investigación sobre os contratos "políticos" do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O PP de Poio considera "ridículas" as explicacións do Goberno Local sobre as contratacións do "Reinicia o verán"
Por Oskar Viéitez |
-
Domínguez denuncia "amiguismo" en contratos do BNG e os nacionalistas acúsano de ter "pouca ética"
Por Alejandro Espiño |