O PP de Poio considera "ridículas" as explicacións do Goberno Local sobre as contratacións do "Reinicia o verán"
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular de Poio califica de "ridículas" as explicacións dadas ata o momento polo goberno municipal ás preguntas formuladas pola concelleira Rocío Cochón sobre algunhas contratacións do programa "Reinicia o verán".
En primeiro lugar, a concelleira popular preguntou por que o Concello contratou a actuación dun artista de Poio pagando 3.000 euros a un intermediario, unha empresa con sede en Toledo, explicando que concellos cercanos como Pontevedra ou Marín contrataron ese mesmo artísta, sen intermediarios, e sen pagar esa cantidade.
A concelleira de cultura, Raquel Rodríguez, explicou este pago pola "liberdade das persoas físicas e xurídicas para establecer a súa sede social onde consideren oportuno", como Castela-A Mancha.
A segunda pregunta do PP incidiu na contratación para o deseño e impresión da cartelería do programa de "Reinicia o Verán" dunha empresaria de Pontevedra, "que casualmente foi candidata do BNG ao Senado e ía nas listas do BNG de Pontevedra do Sr. Lores", por importe de 6.800 euros.
A resposta do Goberno local foi que se contratou "a oferta máis vantaxosa para alcanzar os obxectivos do programa".
Finalmente, Cochón chamou a atención sobre a contratación "a dedo" dunha empresa de Vilagarcía por 12.600 euros máis IVE para organizar varios espectáculos. Segundo o PP no Plan de Emerxencias presentado por esta empresa para eses espectáculos aparecen contratados como "Director do Plan de Emerxencias" o nº 11 da candidatura do BNG de Poio, e como "encargada de dar a alarma e dirixir os fluxos de evacuación" aparece "a candidata do BNG de Pontevedra ao Senado e ás municipais que deseñou os carteis", sinalaron.
A resposta obtida polos populares foi que "o Concello non pode inmiscuirse no vínculo contractual entre empleador e traballadores".
Relacionadas:
-
O PP denuncia catro novos contratos do Concello por "amiguismo" a afíns do BNG ante a "tranquilidade" do Goberno local
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Case 2.000 persoas gozaron da programación cultural do verán en Poio
Por Redacción |
-
'Reinicia o verán' leva máis dun cento de actividades por todo o municipio de Poio ata finais de setembro
Por Redacción |