O Concello de Sanxenxo expedienta 5 locais de ocio por superar o horario máximo de peche
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo, a través da Xerencia Municipal de Urbanismo, incoou sete expedientes sancionadores a cinco establecementos de ocio por superar o horario máximo de peche permitido.
A normativa establece que as discotecas, pubs e café-bar deben pechar ás 05.30, 04.00 e 02.30 horas, respectivamente, ampliándose o horario en media hora as noites dos xoves, venres, sábados e domingos e as dos festivos e as anteriores. Á súa vez, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza autorizou o aumento en sesenta minutos desta franxa de actividade entre o 21 de xuño e o 16 de setembro.
Non obstante, nas inspeccións levadas a cabo pola Policía Local constatouse o incumprimento destas directrices por parte de tres pubs situados no Porto Deportivo Juan Carlos I, así como por unha discoteca e un negocio de hostalaría da rúa Fuensanta Rodríguez. Antes estes feitos, a Administración municipal exerceu a función de policía ao existir perturbación grave da tranquilidade e salubridade dos cidadáns, co fin de restablecelas ou conservalas.
O exceso nos horarios sinalados constitúe unha infracción leve considerada na Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, podendo ser sancionada cunha multa económica. Ademais, a comisión de tres faltas deste tipo nun prazo dun ano consideraríase grave derivando mesmo na clausura temporal do local durante un período de seis meses.
Relacionadas:
-
Sanxenxo expedienta a outros catro locais de lecer nocturno por exceder o horario de peche
Por Redacción |
-
O pub de Sanxenxo que non medía o seu ruído está sentenciado: sete meses de peche
Por Redacción |
-
Sete meses afastado da movida nocturna de Sanxenxo por non controlar os seus ruídos
Por Redacción |