Sete meses afastado da movida nocturna de Sanxenxo por non controlar os seus ruídos
Por Redacción
Un pub situado na rúa Fuensanta Rodríguez de Sanxenxo aboar unha multa de 15.000 euros e proceder á clausura da súa actividade por un período de sete meses por incumprimento da Ordenanza Municipal de Protección do Medio e contra a Contaminación Acústica. A proposta de sanción realizouna a Xerencia Municipal de Urbanismo e o propietario do establecemento ten dez días para presentar as probas considere convenientes para evitar o 'castigo'.
A Xerencia Municipal de Urbanismo notificou a apertura dun expediente a este establecemento de lecer nocturno en decembro e a pasada fin de semana a Policía Local notificou ao seu propietario esta proposta de resolución do procedemento sancionador aberto.
A incoación deste expediente produciuse tras constatar no sistema de vixilancia automática de actividades do Concello de Sanxenxo a falta reiterada de recepción dos datos emitidos polos aparatos de control de son, consistentes na actividade sonora sen funcionamento do limitador e do rexistrador e a non continuidade das mensaxes.
Segundo informou o Concello, este pub xa foi obxecto de dúas suspensións preventivas da súa actividade en agosto de 2012 ata a verificación do correcto funcionamento dos equipos de son polos técnicos competentes. Tras unha nova comprobación do sistema de vixilancia automática constatáronse de novo ata 31 anomalías no último cuadrimestre do ano, entre o 25 de agosto e o 17 de decembro, que derivaron na apertura do citado proceso sancionador.
A sanción débese a que a ordenanza municipal de protección do medio contra a contaminación acústica considera como falta moi grave a reincidencia en dúas ou máis faltas graves no prazo de doce meses.
Ademais, a normativa local dispón no seu artigo 10.2 que os dispositivos sonógrafo-rexistrador, de obrigada instalación naqueles establecementos que produzan unha perturbación por ruído ou vibracións por máquinas, fontes musicais ou actividades que xeren niveis non constantes, deberán remitir os datos diariamente ao sistema de inspección contratado pola Administración local.
Entre as incidencias detectadas destaca a falta de recepción dos datos destes aparatos ao longo de 12 días do mes de setembro, seis en outubro, un en novembro e outro en decembro; ademais da desconexión do limitador en seis ocasións, e a manipulación do controlador en 24 xornadas.
Relacionadas:
-
O 30 de marzo entrará en vigor a nova ordenanza de ruídos que adapta a Sanxenxo á norma actual
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo expedienta 5 locais de ocio por superar o horario máximo de peche
Por Redacción |
-
Sanxenxo expedienta a outros catro locais de lecer nocturno por exceder o horario de peche
Por Redacción |
-
O pub de Sanxenxo que non medía o seu ruído está sentenciado: sete meses de peche
Por Redacción |
-
Sanxenxo abre expediente a un pub por incumprir a normativa de contaminación acústica
Por Redacción |