Sanxenxo expedienta a outros catro locais de lecer nocturno por exceder o horario de peche
Por Redacción
Segue a man firme contra os locais de lecer nocturno que incumplen a normativa. O Concello de Sanxenxo abriu expedientes sancionadores a catro establecementos tras constatar, a través das inspeccións da Policía Local, o incumprimento do horario de peche. Trátase de dúas discotecas situadas no Porto Deportivo Juan Carlos I, un negocio de hostalería da rúa Fuensanta Rodríguez e un pub da rúa Victoria (Portonovo).
Tal e como reflicten as resolucións, o exceso nos horarios sinalados constitúe unha infracción leve contemplada no artigo 26 da Lei Orgánica 1/1992, de 21 de febreiro, de Protección da Seguridade Cidadá, podendo ser sancionada cunha multa económica. Ademais, a comisión de tres faltas deste tipo nun prazo dun ano consideraríase grave derivando ata na clausura temporal do local durante un período de seis meses.
A orde de 16 de xuño de 2005, pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, fixa como horario máximo, no caso dos tres locais de lecer nocturno as 04.00 horas, e para o negocio de comida as 02.30 horas, podendo abrir todos eles media hora máis as noites dos xoves, venres, sábados e domingos e as dos festivos e as anteriores.
Ademais, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza autorizou o aumento en sesenta minutos desta franxa de actividade entre o 21 de xuño e o 16 de setembro.
Con todo, estes catro establecementos denunciados polos axentes municipais incumpriron os horarios malia ser ampliados, feito que levou a actuación da Administración sanxenxina no exercicio regulado da función de policía cando exista perturbación grave da tranquilidade e salubridade dos cidadáns, co fin de restablecelas ou conservalas.
Unha vez notificadas as resolucións, os responsables destes locais terán dez días para ver o expediente incoado pola Unidade de Disciplina Urbanística podendo aportar cantas alegacións, documentos ou informacións estimen oportunas.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo expedienta 5 locais de ocio por superar o horario máximo de peche
Por Redacción |
-
O pub de Sanxenxo que non medía o seu ruído está sentenciado: sete meses de peche
Por Redacción |
-
Sete meses afastado da movida nocturna de Sanxenxo por non controlar os seus ruídos
Por Redacción |