Bueu demanda unha lei que recoñeza a propiedade veciñal das vivendas de Ons
Por Oskar Viéitez
O salón de sesións da Casa Consistorial de Bueu acolleu este luns a sesión plenaria ordinaria na que se debateron unha moción en defensa da sanidade pública galega, outra de supresión da lei 5/2001 de concesións das vivendas da illa de Ons, outra proposta da alcaldía para adhesión ao proxecto de 'Cidades Amigas da Infancia e da Adolescencia', e a relativa á modificación do proxecto das obras da piscina municipal cuberta.
A corporación municipal bueuesa aprobou por unanimidade unha moción en defensa da sanidade pública galega, que se debateu por urxencia dada a inminente convocatoria da concentración que se celebrará o próximo domingo, 9 de febreiro, en Compostela.
As persoas da illa de Ons, que levan máis de trinta anos loitando polos dereitos de propiedade polas súas casas, asistiron ao pleno no que se sacou adiante unha moción para instar á modificación da lei 5/2001 para substituír ou eliminar o actual sistema de concesións das vivendas. A corporación mostrou o seu apoio a esta causa, tal e como xa fixera en novembro de 2010, que se deberá debater proximamente no Parlamento de Galicia.
Esta iniciativa partiu da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons cuxa presidenta, María José Pérez, interviu ao final do pleno para salientar que "para nós é moi urxente que se aproveite cada unha das oportunidades", e "só reclamamos o que é noso".
O pleno tamén acordou iniciar os trámites para que o goberno local presente a candidatura de Bueu como Cidade Amiga da Infancia e da Adolescencia para o período 2019-2020 e aprobouse a proposta (cos votos a favor de BNG e ACB, en contra do PP e a abstención do PSOE) para autorizar o inicio do proxecto modificado das obras da piscina municipal cuberta. A urxencia vén motivada polos propios prazos das subvencións da Deputación de Pontevedra.