A Xunta ofrece rebaixar o cupo de visitantes para garantir o acceso aos veciños de Ons
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ofreceu este martes no Parlamento de Galicia a posibilidade de rebaixar o cupo de visitantes ao día, para facilitar o acceso das persoas identificadas como veciños da illa de Ons.
A veciñanza afectada estivo presente no Pleno da Cámara galega e concentrada no exterior da Cámara para manifestar a súa oposición a estas medidas.
A Xunta trasladará esta proposta ao Concello de Bueu, administración á que xa solicitou unha certificación detallada e actualizada do censo de veciños inscritos na Illa de Ons.
Ángeles Vázquez afirmou que "de ningún xeito se vai a renunciar a dispor dun sistema de control do acceso para visitantes e veciños", que é a "única ferramenta que funciona para evitar a masificación e garantir a protección deste espazo".
A conselleira recordou que "os cupos non son un capricho da Xunta", senón que veñen determinados por informes técnicos e se definiron en base a criterios técnicos de uso internacional.
Pola súa banda o Grupo Común da Esquerda acusou á Xunta de "xerar problemas onde non os hai" polas medidas restritivas para o acceso da veciñanza.
O deputado Marcos Cal instou á conselleira de Medio Ambiente a "deixar a confrontación e sentar cos veciños e veciñas para buscar solucións".
O deputado do Grupo Común da Esquerda, que enmarcou esta polémica dentro da "práctica habitual do PP de dificultarlle a vida á xente", sinalou que "non existe ningún motivo para limitarlle á veciñanza a súa entrada na illa".
Tamén o grupo parlamentario do PSdeG, esixiu á Xunta que dialogue cos veciños de Ons para fixar o réxime de accesos á illa.
A deputada socialista María Pierres lamentou a xestión da conselleira de Medio Ambiente, "máis cómoda na provocación que na solución", e censurou a "nefasta estratexia de impoñer primeiro para negociar despois".
Pierres advertiu que o conflito na xestión de accesos á Illa, integrada no Parque Natural das Illas Atlánticas, que se ten "avivado pola aprobación acelerada do plan reitor deixando aos veciños á marxe de normas que lles afectan directamente".
Relacionadas:
-
Propoñen estender a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas ata o 15 de outubro
Por Redacción |
-
Bueu demanda unha lei que recoñeza a propiedade veciñal das vivendas de Ons
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Bueu, cos veciños de Ons na súa loita contra a candidatura da illa a Patrimonio da Humanidade
Por Redacción |
-
A conselleira de Medio Ambiente comparecerá a petición propia no Parlamento para falar dos accesos á Illa de Ons
Por Redacción |