A Policía intervén bengalas, drogas e un obxecto contundente entre os asistentes ao Pontevedra-Racing de Ferrol
Por Redacción
O dispositivo policial de seguridade posto en marcha este domingo con motivo da celebración do partido de fútbol entre o Pontevedra CF e o Racing de Ferrol resultou todo un éxito e evitou que se producisen altercados entre as afeccións de ambos os equipos. Segundo o balance realizado desde a Comisaría Provincial de Pontevedra, o operativo pechouse sen detidos e coa incautación de bengalas, drogas e un obxecto contundente entre os afeccionados.
A Oficina Nacional do Deporte cualificara o partido de alto risco, de modo que, ante esta denominación, e á vista da rivalidade existente entre ambas as afeccións, o Grupo Operativo de Resposta (GOR) e o Grupo de Atención ao Cidadán (GAC) da Comisaría Provincial da Policía Nacional planificaron un dispositivo especial para facilitar a seguridade do evento.
O operativo buscou evitar na medida dos posible que as afeccións dos dous clubs coincidisen no mesmo lugar ao mesmo tempo, de modo que se puxo en marcha xa ás 10.00 horas. Un grupo de policías acompañou o autobús da afección visitante desde a entrada á cidade e en todo momento mantivo aos afeccionados controlados.
Segundo a información facilitada pola Comisaría, tan só se produciu un pequeno conato de altercado entre afeccións na rúa Cruz Vermella, cando uns e outros se dirixían ao estadio. A Policía asegura que grazas á rápida e eficaz reacción do GOR non foi máis aló e que xa dentro do estadio o partido desenvolveuse sen incidentes dignos de mención.
Durante o operativo efectuáronse tres actas de incautación de bengalas, substancias estupefacientes e un obxecto contundente e os policías identificaron 70 persoas.
Ningunha desas persoas identificadas foi arrestada. De feito, en todo o operativo non se produciu ningunha detención.
Relacionadas:
-
A Policía impide enfrontamentos entre seareiros do Pontevedra e o Racing de Ferrol
Por Redacción |
-
Querer e non poder do Pontevedra fronte a un defensivo Racing de Ferrol (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra espera con fame pero sen ánimo de vinganza ao Rácing de Ferrol
Por Manu Otero |