O iglú de Ponte Xogos recibiu máis de 23.000 visitas
Por Redacción
O programa de lecer infantil Ponte Xogos, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e desenvolvido entre os días 20 de decembro e 3 de xaneiro, recibiu máis de 29.500 visitas, repartidas entre a carpa iglú de 450 metros cadrados ubicada na Praza de España (23.000 participantes), a tirolina de 150 metros instalada na Alameda (6.500) e as actividades nos barrios da Pontevedra Leste, O Burgo e Monte Porreiro (uns 100).
Tamén foi destacable a asistencia ás actividades de lecer programadas no Mercado de Abastos, que rexistraron unha media de 15 persoas por cada evento.
En concreto, as charlas e obradoiros rondaron de media cifras de entre 6 e 10 participantes, mentres que as catas contaron con entre 15 e 25 asistentes. Pola súa banda, os talleres infantís recibiron a entre 10 e 15 nenos ao día, se ben estas cifras aumentaban nas datas festivas e fins de semana e caían en días lectivos.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, amosouse "sumamente satisfeita pola repercusión e boa acollida que tiveron as actividades de lecer infantil organizadas durante o Nadal" pese ao temporal de vento e choiva dos primeiros días.
Segundo constata, "o mesmo aconteceu cos talleres e actividades do programa Nadal na Oliva", polo que a socialista chegou a recibir "chamadas de agradecemento das nais e pais" e que contou coa asistencia duns 250 pequenos.
A principal novidade deste ano consistiu na experiencia piloto de levar Ponte Xogos aos barrios con máis poboación infantil, a través dun obradoiro de elaboración de galletas. A concelleira de Promoción Económica xa pensa "non só a repetir a iniciativa, senón tamén a darlle unha volta, aumentar a oferta con máis obradoiros nos barrios e, por que non, levar o programa ás parroquias".