O bo tempo enche de nenos a carpa e a tirolesa de Ponte Xogos
Por Redacción & Cristina Saiz
Despois dunha estrea accidentada por culpa dos temporais, a oferta do programa municipal de Ponte Xogos funciona a pleno rendemento.
Tanto é así que o bo tempo encheu de nenos e nenas a carpa instalada na Praza de España e tamén a tirolesa da Alameda, onde por momentos poden verse importantes colas.
A bautizada este ano como Tirolesa Ártica ten 150 metros e está iluminada. Trátase dunha actividade pensada para mozos de entre 5 e 14 anos e permanecerá aberta ao público ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
Pola súa banda a Carpa Iglú de 450 metros cadrados da Praza de España permanecerá aberta ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14:00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, cunha ambientación inspirada no Polo norte e actividades como un Mini Glaciar, un Pobo Esquimal composto por un iglú inchable de case cinco metros de diámetro e un espazo Pesca Inuit.
Ademais un dos grandes atractivos desta carpa é o Gran Iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para nenos de 4 a 12 anos.