Ponte Xogos recupera as actividades ao aire libre e a tirolesa
Por Redacción & Cristina Saiz
A tregua meteorolóxica do domingo permitiu abrir o iglú de Ponte Xogos con todas as garantías de seguridade recuperando tamén as actividades ao aire libre e a tirolesa.
O Concello de Pontevedra suspendera as actividades o pasado venres, día 20 de decembro.
A bautizada este ano como Tirolesa Ártica ten 150 metros e está iluminada. Trátase dunha actividade pensada para nenos de entre 5 e 14 anos e permanecerá aberta ao público ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
A Carpa Iglú de 450 metros cadrados da Praza de España permanecerá aberta ata o 3 de xaneiro en horario de 12.00 a 14:00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, cunha ambientación inspirada no Polo norte.
A carpa ofrece actividades como un Mini Glaciar, un espazo de interacción entre pais e fillos de 0 a 3 anos que conta cunha piscina de bolas (a Mini Lagoa); un Pobo Esquimal, composto por un iglú inchable de case cinco metros de diámetro e no que se desenvolven talleres para mozos de entre 4 e 9 ano; e un espazo Pesca Inuit no que os pequenos de entre 3 e 12 anos poderán gozar da experiencia da verdadeira pesca esquimal en piscinas con peixes de cores, que terán que atrapar no xeo.
Un dos grandes atractivos desta carpa é o Gran Iceberg, un tobogán xigante inchable de cinco metros de altura para nenos de 4 a 12 anos desde o que os participantes caen nunha piscina de bolas. Tamén hai unha Expedición Polar, maxia e contacontos.