Seis anos de prisión para un mozo da Estrada que violou unha amiga que estaba inconsciente polo alcohol
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a condena de seis anos de cárcere para un mozo da Estrada que, en agosto de 2016, acompañou a casa a unha amiga tras asistir a unha festa e violouna aproveitando que estaba inconsciente por culpa do alcol.
Os maxistrados rexeitaron o recurso presentado polo acusado contra a sentenza da Audiencia de Pontevedra, solicitando a súa absolución ao entender, entre outras cuestións, que non se respectara a súa presunción de inocencia.
O mozo sostiña que a súa condena baseouse "exclusivamente" na declaración da vítima, na que o seu avogado apreciaba "contradicións, cambios substanciais e dúbidas".
No xuízo declarara que acompañara á moza á súa casa aquela noite e que lle quitaba a roupa, salvo a interior, e que se tombou ao seu lado na cama ata que ela quedou durmida, pero negou de maneira reiterada que a agredira.
Durante os días seguintes, explicou que ambos mantiveron unha relación normal, intercambiábanse mensaxes a través de aplicacións de mensaxería e a moza mesmo acudiu á súa festa de aniversario.
O tribunal, con todo, considera probado que o acusado e outras dúas persoas acompañaron á vítima á súa casa cando sentiu indisposta "ata o punto de perder o coñecemento".
Pouco tempo despois, o mozo, que sabía que a muller estaba soa e que a porta non quedara pechada con chave, volveu ao domicilio "co propósito de satisfacer os seus instintos libidinosos", axudouna a quitarse a roupa, meteuna na cama, deitouse con ela e violouna.
A muller, segundo a sentenza, atopábase nun estado de " inconsciencia", polo que non puido opoñer resistencia e tan só recobrou o coñecemento cando o acusado violábaa.
Os xuíces destacan na resolución a "plena credibilidade" das declaracións da muller e rexeitan que sexa un testemuño "vago ou impreciso” senón que aprecian que foi "persistente, detallado, razoable, lóxico e sincero".
A este respecto, o TSXG subliña que foi sincero "ata o punto de chegar a recoñecer que o acusado non a golpeou en momento algún e que non a suxeitaba".