A Fiscalía mantén a petición de seis anos de prisión para un veciño da Estrada por abuso sexual
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miguel F. enfróntase a unha petición por parte da Fiscalía de seis anos de prisión, despois de que o Ministerio Fiscal, elevase a definitivas as conclusións nas que considera probado que este veciño da Estrada abusou sexualmente da súa amiga A., veciña da súa contorna, que saíra con el e con outros dous amigos de festa o xoves 25 de agosto de 2016.
A vítima atopouse indisposta despois de tomar tres cuncas de viño e o acusado presuntamente acompañouna ata a vivenda para, unha vez alí, deixala en roupa interior e deitarse con ela forzándoa sexualmente aproveitando que ela se atopaba semi inconsciente.
A vítima, que declaraba tras un biombo este xoves na vista oral que se desenvolve na Audiencia Provincial, afirmou que o acusado abusara dela sen que puidese exercer unha resistencia eficaz. Esta situación foi denunciada un mes máis tarde de producirse os feitos ao sentirse "moi mal" e recoñeceu que se viu superada porque el abusara da súa confianza. Desde entón viuse sometida a tratamento a través de medicación para superar a tensión postraumática e a depresión con ansiedade que sofre desde a agresión sexual con acceso carnal.
Pola súa banda, o acusado recoñeceu que a acompañaba á súa casa aquela noite e que lle quitaba a roupa, salvo a interior, e que se tombou ao seu lado na cama ata que ela quedou durmida. Pero afirmou que non lle tocou e que nunca mantivera un encontro sexual coa vítima. Miguel F. apuntou que, dous días máis tarde desa noite, a vítima convidouno a el e a un amigo para tomar un café no seu domicilio sen que fixese referencia aos feitos dos que se lle acusa.
Ao longo dos seguintes días intercambiáronse whatsapp e a muller acudiu aos aniversarios do presunto agresor. Nos whatsapp, segundo a Fiscalía, o acusado pedía perdón. O imputado recoñeceu que se desculpaba por se a ela habíalle parecido mal que lle quitase a roupa. Miguel F. alegou a muller presentara a demanda porque "querería algo comigo" ou porque tentaba obter unha compensación económica.
Neste sentido, a avogada da acusación lamentou este argumento sinalando que a defensa propuxera un acordo económico para non chegar a xuízo por unha cifra máis elevada á cantidade que se demanda por parte da acusación particular, que ascende a 100.000 euros, e esta posibilidade foi rexeitada pola vítima.
As psicólogas e a psiquiatra que interviñeron durante a vista oral recoñeceron que o relato da muller era crible e que as secuelas son as propias dunha vítima de agresión sexual. Xustificaron que a muller tardase en presentar a demanda xa que, nestes casos téntase volver á normalidade aínda que senta rabia e impotencia ao non poder defenderse ante o abuso. A acusación particular reclama 10 anos de prisión, ademais da multa de 100.000 euros.
Pola súa banda, a avogada da defensa solicita a absolución ao entender que debe primar a presunción de inocencia xa que non quedaban acreditados os feitos.