CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas
Por Anxo Lourido
"O que se demostra cos becarios é que están facendo un traballo de persoal laboral encuberto", afirma José Ramón Piñeiro, secretario comarcal de Comisiones Obreras (CC.OO.), ao referirse á situación das persoas que se encontran no plan de prácticas laborais da Deputación Provincial.
Piñeiro arremeteu contra a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, indicando que os datos que manexan desde o sindicato proceden da Inspección de Traballo porque os servizos da Deputación se negaron a facilitarlles estes datos. "Iso significa que algo queren ocultar", apuntou o máximo representante comarcal de CC.OO.
Desde esta central sindical alertan de que hai 240 persoas que se ven afectadas polas bolsas provinciais e que, segundo denuncian, realizan tarefas de persoal laboral en lugar de estar formándose. Din en Comisiones Obreras que a Inspección de Traballo converteu en contratos indefinidos as situacións laborais de ata 38 destes bolseiros que denunciaron e por iso invitan a que todas as persoas que se encontren nesta situación presenten canto antes unha demanda ante o Xulgado do Social ou a Inspección de Traballo para que vexan recoñecidos os seus dereitos.
Piñeiro esixe á Deputación que dea exemplo e corrixa este problema transformando o persoal en prácticas irregulares en traballadores indefinidos, que aparezan incluídos na Relación de Postos de Traballo. Ademais, politicamente, piden á presidenta provincial que recoñeza unha "moi deficiente actuación" por parte da Deputación en relación con este tema.
José Luis García Pedrosa, secretario de organización comarcal de CC.OO., afirmaba pola súa parte que quen decidiu iniciar esta campaña de contro foi directamente o Ministerio de Traballo con aquelas administracións nas que se detectaban unhas posibles actuacións "de fraude" e por iso analizou a situación da Deputación Provincial e da Universidade de Vigo.
García Pedrosa eleva a 178.000 euros, segundo os datos da Inspección Laboral, a cantidade que a Deputación debe retribuír á Seguridade Social ao detectarse que 38 prácticas son contratos laborais.
Comisiones Obreiras presentará denuncia ante Inspección de Traballo para que se realicen visitas en todos aqueles lugares nos que aínda non se comprobou a situación de bolseiros dependentes da Deputación e ademais realizará unha campaña de asesoramento para o persoal que se encontre nesta situación, que entenden irregular.
Relacionadas:
-
O programa de emprego herdeiro do Plan de Práctica Laboral da Deputación dará traballo a 108 mozos
Por Redacción |
-
A Deputación aproba as bases do novo programa de emprego que substitúe ao Plan de Práctica Laboral
Por Redacción |
-
O novo plan de emprego provincial "garante moito máis os dereitos da mocidade"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide no pleno da Deputación que Carmela Silva explique o suposto "enchufe" da súa cuñada
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación rexeita entregar ao PP a acta da inspección laboral aos bolseiros por confidencialidade
Por Oskar Viéitez |
-
CCOO denuncia irregularidades na contratación de bolseiros na Deputación e Carmela Silva négao
Por Diego Espiño |
-
Máis de 140 novos bolseiros chegan aos concellos e á Deputación
Por Redacción |