ENCE mantén o seu plan de despedir 39 traballadores en Lourizán e o comité o rexeita
Por Redacción
Ábrese un período de tensa calma en ENCE. Ao longo das negociacións que esta semana a dirección da pastera mantivo co comité de empresa en Madrid non se chegou a acordo. A parte empresarial considera que sobran 39 postos en Lourizán e así trasladáronllelo aos representantes dos traballadores a través duns informes nos que se axustan os tempos de traballo. A formulación da empresa é que as funcións que realizan estes 39 operarios sexan asumidas por outros empregados da factoría.
Segundo manifesta o presidente do comité de empresa, Xesús Graña, tamén se lles presentou unha "exposición non moi exhaustiva de como se irían os traballadores que eles queren suprimir". A empresa indicou que debido ao Real Decreto do goberno que protexe os traballadores maiores de 50 anos, ENCE tería que asumir uns gastos económicos importantes se establecesen un abandono do traballo de forma voluntaria que a empresa non está disposta a aceptar.
Ante esta situación, os representantes dos traballadores presentaron unha carta á directora de Recursos Humanos na que se comunica que "según os informes non cremos que se dean as condicións para eliminar ningún posto de traballo". E desta forma, o comité empraza a empresa para que retire o 1 de xuño as pretensións de reducir o equipo. Esa data é a marcada pola dirección para negociar vías alternativas ao ERE.
Xesús Graña indica que a partir de xuño estarán alerta: "agora mesmo non temos necesidade de adoptar ningún tipo de mobilización. Cando decidan eliminar os postos tomariamos as decisións que procedan".
Relacionadas:
-
Os traballadores de ENCE aceptan 11 baixas incentivadas e prexubilacións en Lourizán
Por Redacción |
-
ENCE rebaixa a 22 os despedimentos no ERE de Pontevedra pero o comité rexeita a proposta
Por Redacción |
-
O PSOE apoia os traballadores de ENCE contra o ERE pero súmase á marcha da APDR
Por Redacción |
-
O comité de empresa de ENCE tentará negociar a retirada do ERE a próxima semana
Por Redacción |